O SÁBADO 23 DE AGOSTO CELÉBRASE O XXV TRÍATLON POPULAR VILA DE ALLARIZ

21 de Agosto de 2014

O sábado 23 de agosto (18:30 horas) terá lugar o XXV Tríatlon Vila de Allariz coa participación de 150 deportistas, cantidade máxima permitida pola organización polas características do lugar onde se celebra. Esta proba popular sempre ten unha magnífica resposta por parte dos triatletas e este ano volveu a suceder pechándose a inscrición máxima en menos dun día.

A proba disputarase sobre as distancias de 750 metros de natación, 24 quilómetros de bicicleta e 5.500 metros de carreira a pe. A recollida de dorsais terá lugar na Alameda de Allariz e a proba disputarase nunhas paraxes espectacularmente belas. O segmento de bicicleta é duro, xa que a primeira parte do percorrido é en ascenso, mentres que na carreira a pe combinan parte de asfalto con camiños de pedra con algunha pendente.

Este ano celébrase a XXV edición da proba e con motivo das vodas de prata do Vila de Allariz organizouse no mes de xuño o Campionato de España de Tríatlon Cadete por Seleccións Autonómicas.A pesar de ser unha proba popular o certo é que ten unha enorme aceptación e en Allariz ao longo dos diferentes anos participaron os máis importantes deportistas galegos internacionais, coma Javi Gómez Noya, Saleta Castro, Aída Valiño ou Jesús Gomar.

 

 

Quizáis che interese…