O SÁBADO 28 DE SETEMBRO, CAMPIONATO GALEGO DE TRÍATLON EN PONTEVEDRA

26 de Setembro de 2013

 O sábado 28 de setembro disputarase o XIII Tríatlon Cidade de Pontevedra, que este ano é ademais o Campionato Galego de Tríatlon e contará coa celebración das probas populares do circuíto Sertri, que nesta oportunidade chegará a Galicia. En total uns setecentos deportistas facendo tríatlon ao logo de todo o día na cidade do Lérez.

 

A festa do tríatlon comezará ás 11 horas coa disputa das probas do circuíto Sertri, organizado pola Federación Española de Tríatlon e a cadena Ser, e que conta coa inscrición de 600 deportistas nas diferentes probas adaptadas a todas as idades e condicións físicas (flash, kids, Supersprint, sprint, relevos e paratri).

Pola tarde, celebrarase o Campionato Galego sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, boxes e meta na Avenida de Buenos Aires (xunto á Ponte dos Tirantes). Para poder participar nesta proba os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada, polo que poderemos gozar cunha proba de moi alto nivel competitivo, a pesar de atoparnos xa no tramo final da presente tempada. E máis, esta será a última proba do calendario oficial galego.

Así, na proba feminina (17:00 horas) haberá unha importante participación. Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) que defende o título, terá que enfrontarse ás irmás Alonso (Camila e Melina), do Tríatlon Ferrol, así coma a Silvia Deira (Arcade Inforhouse) ou Xiana Rendo (Dexter Tríatlon) entre outras deportistas destacadas.

Na categoría masculina (18:10 horas) non está inscrito o actual campión galego, Óscar Vicente, polo que haberá relevo no título. Pero si contaremos coa presenza de destacados triatletas coma Pablo Dapena Gustavo Rodríguez, Antonio Serrat ou Alejandro Álvarez (do Wild Wolf Cidade de Lugo), Pedro Antonio Esmoris e José Manuel Pardo Leis (do Muralla de Lugo) ou Brais Canosa (Arcade Inforhouse).

Resultados 2012. Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) e Óscar Vicente (Cidade de Lugo Fluvial) son os actuais campións galegos de tríatlon, tras lograr o triunfo no campionato celebrado o pasado ano en Lugo.  Ademais, na categoría de clubs, o Cidade de Lugo foi o gañador tanto na categoría masculina coma na feminina.

 

 

Quizáis che interese…