O SÁBADO 30 DE XUÑO CELEBRARASE O VIII TRÍATLON CONCELLO DE POIO, QUE ESTREA PERCORRIDO

29 de Xuño de 2018

O sábado 30 de xuño celebrarase o VIII Tríatlon Concello de Poio, no que participarán un total de 220 deportistas. Esta proba, que estrea percorrido, é clasificatoria para o Campionato Galego.

 A competición comezará ás 15:30 horas coa saída da proba popular, na que os participantes terán que facer 300 metros de natación, 8 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe. As probas federadas disputaranse sobre a distancia sprint (750-20-5). A saída, boxes e meta estarán ubicadas na praia de Lourido, nunha edición na que haberá cambio de percorridos.

Ás 17:50 horas darase a saída á proba feminina, na que parten como favoritas as triatletas Mónica Alarcón (NoSportLimit), Beatriz Dumet (Tríatlon Arteixo), Tania Súarez (Olímpico de Vedra), Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo), entre outras.

Para a proba masculina haberá dúas saídas: ás 16:30 h comezará a proba B, mentres que ás 18:00 horas será a saída elite masculina. Na categoría masculina podemos sinalar a Carlos Agra (Tríatlon Vilagarcía), Gustavo Barral (Tríatlon Coruña) ou Roberto Andrade (Tríatlon Arteixo).

Resultados 2017. Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial) lograron a vitoria no VII Tríatlon Concello de Poio nunha proba cun altísimo nivel.

Quizáis che interese…