O SÁBADO 5 DE AGOSTO CELEBRARASE O XVII TRÍATLON CIDADE DE FERROL CON 350 DEPORTISTAS INSCRITOS

3 de Agosto de 2017

O sábado 5 de agosto celebrarase o XVII Tríatlon Cidade de Ferrol, que será tamén a última posibilidade de acadar a clasificación para o Campionato Galego 2017. Entre todas as probas previstas (unha popular, un Nada e Corre para os máis pequenos e a proba federada) hai unha inscrición de 350 deportistas.

O programa do día comeza ás 15:15 horas coa celebración da proba “Nada e Corre” para as categorías benxamín e alevín coa participación de 40 deportistas (proba non competitiva). As distancias son de 150 metros de natación e 500 de carreira a pe. Ás 15:30 horas darase a saída á proba popular, na que os 80 participantes inscritos terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros na carreira a pe.

Posteriormente chegará o momento da proba federada, que será a cuarta e última do circuíto galego de tríatlon. Para a categoría masculina haberá dúas saídas (16:30 e 17:50), mentres que a categoría feminina comezará ás 18:00 horas. A proba disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación no Porto de Ferrol, 20 quilómetros do segmento de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe.

 Na proba feminina non poden estar as deportistas do Tríatlon Ferrol Inés Santiago, Carmen Gómez e Camila Alonso (vencedora do pasado ano), que se atopan en Hungría disputando o Europeo sub 23, pero si están inscritas Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), Sara Guerrero (Náutico de Narón), Ana Carvajal (Tríatlon Ferrol), Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo), Marta Barbeito (Náutico de Narón), Beatriz Dumet (Tríatlon Arteixo) ou Emma Romeo (Tríatlon Ferrol), entre outras.

Na proba masculina, Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) defende o triunfo do pasado ano, pero non será sinxelo repetir vitoria, xa que enfronte estarán triatletas coma Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo), Antón Ruanova (Arcade Inforhouse), Iago Lorenzo (Tri-Penta Terras de Lugo), Diego Paz (Arcade Inforhouse), Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), Carlos Brión (Natación Riveira), Federico Scarabino (Tríatlon Arteixo), Iván Puentes (Tríatlon Ferrol)

Resultados 2016. Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse campións do  XVI Tríatlon Cidade de Ferrol.

 

 

 

 

Quizáis che interese…