Este mediodía presentouse a sexta edición do Triatlón Concello do Porriño na Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa presenza da alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera; o presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Surís; o Comandante Naval do Miño, Ignacio Tobarra García; o Cabo 1º da Agrupación de Tráfico de O Porriño, Alberto Pérez; e representando aos atletas inscritos, todo un exemplo de adicación ao triatlón, o porriñés Kike Morán.
Todos eles destacaron a importancia desta proba deportiva en O Porriño, marcada xa como un referente no triatlón nacional e que congregará no municipio a 45 minitriatletas e a máis de 200 triatletas segundo os inscritos a día de hoxe, do que dito prazo finaliza este martes 22 de maio ás 12 da noite.
Deste xeito, o vindeiro sábado ás 11.00 h están citados no parking do polideportivo municipal os nenos de entre 4-10 anos que, acompañados dun adulto, nadarán 25 m na piscina con saídas en serie a partir das 11.45 h. Unha vez cambiados sairán a coller as súas bicicletas para completar os 700 m de bicicleta que pasan polo Cristo dos Cachos, ata a Igrexa de Santa María; o último tramo será o da carreira a pé de 300 m ata a praza do mesmo Concello. O prazo de inscripción finaliza este xoves 24 de maio, ou cando se completen as 45 prazas.
A proba absoluta dará a saída do Porto Deportivo de Tui ás 17.00 h, para a categoría masculina e 10 minutos despois, para a feminina, onde os triatletas nadarán no río Miño 750 m; unha vez saian da auga, dirixiranse ás instalacións da Comandancia Naval do Miño, onde lles espera a súa bicicleta na primeira transición, para emprender rumbo dirección O Porriño e completar os 20,200 rúa Domingo Bueno, onde realizan a súa última tansición e cambian as dúas rodas polas zapatillas, para continuar con dúas voltas de circuíto urbano finalizando os 5 km restantes.
Manuel Carreira explicou o desenvolvemento da proba na que definiu como “unha proba moi dura ao tratarse dun deporte de moito esforzo físico e adestramento” pois segundo apreciou “parece incrible que logo de saír do auga poidan iniciar un sprint en ascenso en bicicleta”. Así mesmo quixo destacar a importancia no desenvolvemento desta proba e “a implicación de todos os colaboradores e patrocinadores deste evento, voluntarios, asociacións culturais e deportivas e ao xerente de deportes do Concello do Porriño, Julio Bernárdez, pola súa gran labor organizativa”. Finalizaba a súa intervención lembrando á triatleta porriñesa Meri Ferreira, participante habitual nesta proba ata o seu falecemento o pasado ano.
Óscar Suris lembrou que “o Concello do Porriño foi un dos pioneiros en organizar un triatlón no seu municipio, ao que seguiron posteriormente outras localidades; proba diso é a sexta edición da proba porriñesa cando os demáis concellos van pola segunda ou terceira”. Tamén quixo constatar a complicación de “conseguir a participación entre distintas entidades para a celebración dunha proba deste calibre”, polo que “animo á participación tanto de federados como os que non o son”.
O triatleta porriñés Kike Morán indicaba que o VI Triatlón Concello do Porriño “é espectacular xa que non coincide onde empezas con onde acabas”; respecto de as características técnicas “a natación pode marcar grandes diferenzas segundo as correntes do río; o percorrido en bicicleta é bastante selectivo ata Mosende e a segunda zona ata o casco urbán é moi rápida; a carreira a pé é moi vistosa para o público e faise moi amena para o triatleta, ao sentirse moi arroupado pola xente”. Morán quixo facer incapié na importancia do MiniTriatlón “xa que a formación desde a base é fundamental para os valores dos futuros deportistas”.
Alberto Pérez, en representación da Guardia Civil de Tráfico explicou “o noso cometido é asegurar os cortes de tráfico, polo que 10 motoristas da agrupación porriñesa velarán pola seguridade da proba, aínda que grazas ao persoal voluntario co que conta este evento deportivo, podemos realizar a nosa función con maior seguridade?. Para finalizar, solicitou “paciencia, colaboración cidadá e precaución, debido a que non van todos en pelotón, senón bastante dispersos”.
Para o Comandante Naval Ignacio Tobarra, esta será “a miña primeira oportunidade de participar nesta proba deportiva”, engadindo que “o río é un elemento difícil xa que as correntes estimadas para o sábado ás 17.00 h son de 4 nós”.
Pechando esta presentación, a alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre desexaba “un gran éxito para os participantes e esperemos que o tempo nos acompañe”, mostrando gran satisfacción pola alta participación feminina nesta modalidade deportiva e puntualizando que “as mulleres queremos o mesmo espazo que os homes respecto da desigualdade” e finalizaba invitando ao público a gozar deste espectáculo deportivo.