OURO PARA CAMILA ALONSO, PRATA PARA IRIA RODRÍGUEZ E BRONCE PARA ANTONIO SERRAT NA COPA DE EUROPA DE MELILLA

15 de Abril de 2018

Galicia tivo un papel protagonista na Copa de Europa de Melilla. Houbo tres medallas para triatletas galegos: Ouro para Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) en elite feminina; prata para Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) en júnior feminina e bronce para Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) en elite masculina. Espectaculares!

Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) confirmou hoxe o seu magnífico momento de forma e proclamouse vencedora da Copa de Europa de Melilla. A galega sempre estivo moi ben situada e decidiu o triunfo na carreira a pe, onde foi a máis forte, remontando máis de minuto e medio sobre a líder da carreira.

A natación –con moi pouca profundidade, o que foi determinante- deixou a Sara Pérez e a portuguesa Helena Carvalho en cabeza cunha amplísima vantaxe (1:30 sobre o grupo principal, onde estaban as galegas Camila Alonso, Melina Alonso, Inés Santiago e Sara Guerrero). Así estas dúas triatletas estiveron en cabeza durante os 40 quilómetros de bicicleta, aínda que na parte final Sara Pérez sufriu unha avaría que lle fixo perder algúns segundos sobre a portuguesa. Desta forma, Carvalho chegou na primeira posición a T-2 cun minuto de vantaxe sobre Sara e 1:35 sobre o grupo principal no que estaban as irmás Alonso e Inés Santiago. Sara Guerrero quedou sen forzas na bicicleta e tivo que abandonar.

Nos dez quilómetros de carreira a pe, Camila estivo espectacular. Foi recortando tempo con moitísima facilidade, mentres que a portuguesa ía afundíndose. Así, trala primeira volta, Camila xa estaba a 35 segundos e na segunda, a ferrolá era líder con 15 segundos. Nas dúas últimas voltas so tivo que manter as distancias para confirmar a súa vitoria.

Camila Alonso entrou en meta cun tempo de 1:55:46, coa italiana  Verena Steinhauser na segunda posición e a suiza Lisa Berger, terceira. Ademais, destacar que Melina Alonso logrou entrar no top-ten, cunha magnífica sétima posición (01:57:59), mentres que Inés Santiago foi 13ª (01:59:48).

En elite masculina, enorme foi a valentía de Antonio Serrat que asumiu riscos e traballou arreo durante toda a proba. O vigués estivo sempre en cabeza. Saíu da auga na terceira posición e tralo paso pola primeira transición, formouse un grupo de cinco triatletas na bicicleta que marcaron unhas distancias decisivas. O quinteto estaba formado por Antonio Serrat, o holandés Marco Van Der Stel, o húngaro Mark Devai, o francés Tom Richard e o británico Jack Willis.

Este grupo sabía que era decisivo acadar unha gran distancia co grupo principal e traballaron arreo para facelo, con Serrat coma un dos máis animosos. Así, lograron chegar a T-2 con case minuto e medio de distancia sobre o segundo grupo. E novamente, Antonio volveu a asumir protagonismo e atacou moi forte dende o primeiro metro. Logrou unha pequena distancia duns dez segundos aproximadamente sobre Van Der Stel e Tom Richard. Pero a distancia non medraba e pouco a pouco parecía que Antonio xa non tiña o ritmo trepidante do inicio.

Na segunda volta tiña só seis segundos de vantaxe sobre estes dous triatletas e uns 500 metros antes de cumprirse a terceira volta, foi superado por este dúo, sen que Serrat tivese forzas para pegarse a eles.

Así, o triunfo tiña que decidirse entre estes dous triatletas ao sprint, mentres que Serrat non tivo problemas para garantir o bronce. O ouro foi para Marco Van Der Stel cun tempo de 01:42:40, a prata para Tom Richard (01:42:42) e o bronce para Antonio Serrat (01:42:58).

Con respecto aos outros galegos participantes na proba, sinalar que Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) foi 20º -sumou puntos no ranking europeo- e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse), 36º. Uxío Abuín retirouse.

Copa de Europa Júnior

Prata para Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) na Copa de Europa Júnior feminina. Espectacular a actuación da triatleta galega, que estivo entre as primeiras dende o inicio. Iria fixo unha gran natación, ao saír da auga na segunda posición. Este segmento estivo moi condicionado polo feito de que había moi pouco auga (había que facer case cen metros camiñando), pero Iria soubo adaptarse perfectamente. Isto permitiulle  meterse no grupo de cabeza na bicicleta  e loitar con Beatriz Mallozi e Raz Poradosu. Foi duro manter o ritmo destas dúas triatletas, pero Iria non se soltou, para chegar ao terceiro segmento con opcións. E non decepcionou. Non puido aguantar o ritmo da italiana Mallozzi, pero non soltou á israelí e nos metros finais atacou para acadar a medalla de prata cun tempo final de 01:02:18. Con esta medalla Iria logrou a clasificación para o Europeo Júnior e para a Copa de Europa Júnior en Hungría.

Pero non foi a única alegría galega nesta proba. A nosa Inés Castaño (Arcade Infohouse) tamén destacaba nos primeiros postos. Saíu da auga na 13ª posición e na primeira transición xa remontou dous postos. Na bicicleta foi ascendendo posicións volta a volta ata  chegar a ser cuarta. Na carreira a pe, aguantou o ritmo a pesar do esforzo e chegou a meta na sexta posición (01:03:23).

Na proba masculina, magnífica actuación do cadete Jorge González (Natación Riveira), que rematou na 16ª posición. Jorge fixo unha magnífica natación e saíu da auga no terceiro lugar e na bicicleta aguantou no primeiros grupo ata a terceira volta, na que quedou descolgado. Despois, na carreira a pe fixo un bo parcial e rematou na 16ª posición cun tempo final de 57:49. Gran rendemento dun deportista aínda cadete.

 

 

 

Quizáis che interese…