POIO PRESENTOU O II DÚATLON CONCELLO DE POIO -CLASIFICATORIO PARA O CAMPIONATO DE ESPAÑA-

POIO PRESENTOU O II DÚATLON CONCELLO DE POIO -CLASIFICATORIO PARA O CAMPIONATO DE ESPAÑA-

13/02/2020
POIO PRESENTOU O II DÚATLON CONCELLO DE POIO -CLASIFICATORIO PARA O CAMPIONATO DE ESPAÑA-

O 23 de febreiro é a data escollida para a celebración da
segunda edición do Duatlón Concello de Poio, unha cita que está organizada polo Club
Triatlón Motobike Poio Galaico e a propia Administración local, e que supón un paso máis
no desenvolvemento de citas deportivas de calado, xa que esta será unha proba
clasificatoria para o Campionato de España, algo que hasta ahora nunca se tiña
producido na vila (as anteriores eran válidas para competicións autonómicas). A titular da
área de Deportes, Marga Caldas, foi a encargada de presentar esta mañá a cita no Casal
de Ferreirós, acompañada por Enrique Hernández, en representación da Federación
Galega de Triatlón (Fegatri), e o presidente do Club Motobike, Carlos Sánchez, e un dos
seus vogais, Faustino Meis. Tampouco faltou Daniel Benavides, xefe do Servizo de
Deportes de Pontevedra. O evento desenvolverase na contorna da praia de Lourido e
dará comezo ás 10.00 horas, coa proba popular. Posteriormente, será a quenda das
deportistas da categoría feminina (11.30 horas), mentres que a masculina iniciarase ás
13.00 horas. Está previsto que a competición finalice ás 14.15 horas aproximadamente.
No caso da proba amateur, as inscricións permanecerán abertas ata o 18 de febreiro,
pechándose un día antes o período estipulado para os duatletas que tomen parte na
proba puntuable para o campionato nacional. Todas as carreiras constarán de tres
sectores, o primeiro e o terceiro a pé e o segundo en bicicleta. A saída, a transición e a
liña de meta estarán nas proximidades da praia de Lourido. Os organizadores explicaron
que o primeiro tramo, de 5 quilómetros, realizarase saíndo desde o aparcamento próximo
ao areal, partindo cara a rúa Padre Avelino, nun circuito de ida e volta, sendo o retorno
antes do peirao de Campelo. Con respecto ao sector de carreira en bicicleta (21,4
quilómetros), unha vez feita a transición, os deportistas dirixiranse a Anafáns, ata o cruce
co Camiño das Coruxas, onde deberán dar volta, retornando pola mesma estrada, ata
xirar á dereita pola rúa Espiñeiros. A parte final será de novo a pé (2.500 metros), antes
de chegar a meta.

Por outra banda, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.
Nas probas feminina e masculina, o gañador levarase 150 euros, o segundo clasificado
ou clasificada 100 e o terceiro posto será premiado con 75 euros. Ademais, todos os
participantes que sexan quen de rematar a proba serán agasallados cun recordo
conmemorativo. A recollida de dorsais realizarase o propio día da proba, na carpa
habilitada pola organización, entre as 8.45 e as 12.00 horas.
Tanto a concelleira de Deportes como os representantes amosáronse confiados en
superar o número de participantes da primeira edición, que, con 120 deportistas, resultou
todo un éxito. Ademais, Caldas Moreira entende que esta proba, que conta cun orzamento
duns 8.000 euros aproximadamente para a súa posta a punto, corrobora a capacidade
que ten Poio á hora de acoller eventos deportivos de gran entidade. É por iso polo que o
Concello quere solicitar a organización do Campionato de España de Duatlón de 2021.
Durante o desenvolvemento da proba do 23 de febreiro, tanto a Policía Local de Poio
como Protección Civil desenvolverán un dispositivo de seguridade para velar polo bo
funcionamento do evento. O tráfico permanecerá pechado na zona na que se desenvolve
a proba entre as 8.300 e as 14.30 horas. Marga Caldas tamén agradeceu a colaboración
de Froiz, que cederá o uso do seu aparcamento, así como do Motoclub Rosa dos Ventos.