O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acollerá os adestramentos de Fernando Alarza dende o próximo mes de xullo co obxectivo de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Rio 2016.
Baixo a tutela de Omar González e coa dirección técnica de Luis Piña, Alarza chega a Galicia despois de rematar unha etapa na Residencia Blume de Madrid. “O meu ciclo en Madrid rematou e busco unha nova motivación con Omar, que ten experiencia en Xogos Olímpicos co mellor triatleta do mundo”, asegura o triatleta do Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial. “Tiña boas maneiras e fixo tecnificación coa Federación Española. Agora chegou ao alto nivel e necesita algo máis específico para el”, comenta Omar González. Tal e como salienta o talaverán,“Omar coida os pequenos detalles e nas Series Mundiais é o que importa porque a calidade e a cantidade de adestramentos é similar no alto nivel”.
A FEGATRI daralle a Fernando Alarza, actual campión de España de tríatlon proclamado en Pontevedra, subcampión do mundo sub-23 e campión do mundo junior en 2010, a oportunidade de preparar o camiño a Rio 2016 xunto aos becados internos do CGTD ademais dos externos nos que Omar González agarda manter a Aida Valiño ou Pablo Dapena e contar con posibles nomes como Melina Alonso, Uxío Abuín ou Antonio Serrat, que remata este último a súa beca como interno en Pontevedra.
Ademais de triatletas con aspiracións olímpicas, Alanza poderá aproveitarse de compartir sesións cos experimentados Javier Gómez Noya e Bárbara Riveros Díaz. “A todos convenlles adestrar con deportistas de nivel para mellorar”, indica o técnico da Federación Galega.
Deste xeito, na primeira quincena de xullo comezará o novo proxecto de Fernando Alarza con Omar González no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.