PONTEVEDRA SERÁ A CAPITAL DO TRÍATLON ESPAÑOL A FIN DE SEMANA DO 21 E 22 DE MAIO

12 de Maio de 2016

Aproximadamente 2.000 deportistas de toda España participarán na Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon e o Campionato de España de Tríatlon por Relevos, que se celebrarán os días 21 e 22 de maio en Pontevedra.

Hoxe tivo lugar no Concello de Pontevedra a rolda de prensa de presentación deste evento. No acto informativo estiveron presentes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís.

O alcalde Miguel Ánxo Fernández Lores recordou a cita ineludible que Pontevedra ten co tríatlon dende hai oito anos de forma ininterrompida. O rexedor pontevedrés destacou que “é unha das probas do calendario da Federación Española que máis deportistas move” e afirmou que “durante esta fin de semana imos ser a capital do tríatlon estatal”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega desculpou a presenza do presidente da Española, José Hidalgo, por atoparse nun compromiso previo en Murcia, e amosou o agradecemento da FETRI, “ao Concello e o alcalde pola súa dispoñibilidade a facer probas do máis alto nivel”.

Surís explicou que a Copa do Rei e da Raíña son probas de contrarreloxo por equipos, na que o tempo queda marcado polo cuarto membro do equipo. Nestes intres hai 973 deportistas inscritos e 200 equipos. A proba celebrarase en elite, open e escolar (categoría cadete) o sábado 21.

O domingo terá lugar o Campionato de España de Tríatlon por Relevos. Son equipos formados por tres integrantes que farán un tríatlon de distancia mini-sprint (250 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe), con relevo ao seguinte membro do equipo. Este campionato tamén se celebrará en elite, open e categoría escolar. A falta dunha semana para o peche da inscrición hai 721 deportistas inscritos e 240 equipos.

 

 

 

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...