Portugal logrou o triunfo no XI Tríatlon da Amizade celebrado este domingo entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira coa participación de case 200 triatletas (proba elite e de menores). Na clasificación individual venceron os portugueses José Pedro Vieira e Katarina Larsson, mentres que os galegos mellor clasificados foron Nerea Castro (terceira) e Cristóbal Dios, que foi oitavo.
Na categoría feminina, o podio quedou formado por Katarina Larsson, que logrou o triunfo con case un minuto de distancia sobre Ana Filipa Ferreira. A terceira posición foi para a galega Nerea Castro, que chegou a meta xunto á súa irmá, Saleta, que ocupou a cuarta posición co mesmo tempo.
Na proba masculina o dominio luso foi maior. Venceu José Pedro Vieira (59:20), coa prata para Miguel Tiago Silva (1:00:29) e o bronce para Rafael Domingos (1:00:53). O primeiro galego clasificado foi Cristóbal Dios, que chegou na oitava posición.
Nos documentos adxuntos tedes as clasificacións, tanto individuais, coma de equipos, países e do tríatlon de menores.