Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) acadou a medalla de prata no Campionato de España Júnior de Duatlón, que se celebrou hoxe en Avilés. Ademais, na clasificación de clubs júnior masculina, o Arcade Inforhouse logrou a medalla de bronce. Na categoría de elite non houbo medallas para os galegos, que estiveron moi discretos na súa actuación, e algo de polémica por varias descualificacións tanto na carreira masculina coma feminina.
Júnior. Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou a medalla de prata no Campionato de España júnior de Duatlón. A pesar de ser un bo resultado, o vigués non estaba satisfeito porque perdeu o título nun erro na última transición.
O galego estivo sempre no dúo de cabeza xunto a Roberto Sánchez Mantecón (Diablillo de Rivas), tanto no primeiro segmento de carreira a pe coma na bicicleta. Pero Antonio, que entrou por diante de Roberto Mantecón na área de transición, equivocouse e colleu unha rúa que non era, polo que perdeu uns quince segundos que foron decisivos ao final. Así, o triunfo escorréuselle entre as mans. A primeira posición foi para Roberto Sánchez cun tempo de 01:03:34; a prata, para Antonio Serrat (01:03:46) e o bronce, para Javier Martín (Marlins Triatlón Madrid) cun tempo de 01:04:16. Ademais, hai que destacar o bronce do Arcade Inforhouse na clasificación de clubs masculinos.
Na categoría feminina, non houbo medallas galegas, sendo Diana Cotón (Arcade Inforhouse) a máis destacada, cunha sétima posición, pero sen opcións de loitar polos primeiros postos, xa que houbo distancias moi importantes entre as deportistas. Así, proclamouse campioa de España, Claudia Luna (Club Mataró) cun tempo de 01:14:50. Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou entrar no top-ten da proba (foi décima). As distancias nesta categoría son: 5- 20 – 2,5.
Elite. Na proba feminina a participación galega era escasa, con só Silvia Veira (Arcade) e Silvia Deira (Arcade) despois de que Melina Alonso renunciara a esta proba. O triunfo na proba foi para a extremeña Miriam Casillas, do Tríatlon Ferrol, nunha proba moi disputada e non exenta de polémica ao descualificar á segunda deportista que entrou en meta (Inma Pereiro), por no facer unha parada no penalty box, tal e como lle indicaron os xuíces. Silvia Veira rematou na 32ª posición e Silvia Deira foi a 46.
Na categoría masculina finalmente deuse de baixa Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), con gastroenteritis e ademais tocado por unha caída que sufriu hai pouco máis dunha semana. Así perdeuse a un dos favoritos a loitar polo triunfo e parecía que Emilio Martín do Tríatlon Huelva (campión de España 2013 e campión do mundo da especialidade) era o gran favorito. Pero xurdiu a sorpresa ao impoñerse en liña de meta David Castro (Tríatlon Rodense) cun tempo de 56:56, mentres que a prata foi para Emilio Martín e o bronce para o deportista do Cidade de Lugo, Alexis Rodríguez (pero sen licenza galega). Tamén houbo descualificacións e algo de polémica ao afectar as primeiras posicións. O galego mellor clasificado foi Brais Canosa (Arcade Inforhouse) na posición 12ª cun tempo de 58:15. A proba de elite disputouse sobre as distancias de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.
2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.EF_
2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.EM_