A gran festa mundial do tríatlon aterrou en Wollongong (Australia) cunha intensa programación que incluíu as probas élite, Sub-23, júnior, relevos mixtos e o Campionato do Mundo de Tríatlon Paralímpico.
A fin de semana estivo marcada por un excelente resultado para España, coa medalla de prata de David Cantero na Gran Final das Series Mundiais, un fito que non se repetía desde as preseas de Mario Mola e Fernando Alarza en Lausana 2019.
O peche do evento tivo un momento especialmente emotivo para o tríatlon español, co traspaso de bandeira a Pontevedra, que recibiu oficialmente a sede da Gran Final do Campionato do Mundo 2026, nun acto encabezado polo presidente da FETRI, José Hidalgo.

2025 World Triathlon Championship Finals Wollongong – Elite Men- David Cantero
María Casals, a mellor española nas categorías Sub-23 e Júnior
As competicións comezaron coa categoría Sub-23, onde a triatleta María Casals, do Club Cidade de Lugo Fluvial e con licenza galega, asinou unha destacada actuación ao finalizar en quinta posición, moi preto das medallas.
Na proba masculina, o galego Esteban Basanta, tamén do Cidade de Lugo Fluvial, conseguiu entrar no Top 10 ao rematar noveno, a pesar de sufrir unha caída no accidentado segmento ciclista.

A continuación disputáronse as probas xúnior, nas que o galego Damián Suárez, do Club Deportivo Delikia, defendeu con firmeza a súa posición nos segmentos de natación e ciclismo. Finalmente, cruzou a meta no posto 20º.

Susana Rodríguez, xunto coa súa guía Sara Pérez Sala, acadou o seu sétimo título mundial.
O Campionato do Mundo de Tríatlon Paralímpico deixou excelentes resultados para a delegación española, que sumou tres medallas.
A galega Susana Rodríguez, xunto coa súa guía Sara Pérez Sala, revalidou o seu dominio mundial ao acadar o sétimo título mundial da súa carreira.

Na proba de relevos mixtos, o equipo formado por Susana Rodríguez, Sara Pérez Sala, Eva Moral e Nil Ruidavets quedou ás portas do podio, rematando en cuarta posición, a tan só 20 segundos das medallas.

Ademais, Sara Pérez Sala, atleta catalana con licenza galega, volveu subir ao podio en solitario na cita do circuito PTO T100 de Wollongong, onde conseguiu unha medalla de bronce.

Pontevedra, próxima gran sede mundial
O presidente da Federación Española de Tríatlon (FETRI), José Hidalgo, recibiu oficialmente a bandeira de World Triathlon durante a cerimonia de clausura de Wollongong.
Con este xesto, España —e en concreto Pontevedra— convértese na sede da Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon 2026, reafirmando o liderado galego e nacional no panorama internacional deste deporte.




