RITA LOPES E SERGIO GARCÍA GAÑAN O II TRÍATLON RÍAS BAIXAS

14 de Xuño de 2015

Rita María Lopes (McDonald´s/TriBraga) e Sergio García (Arcade Inforhouse) gañaron hoxe en Sanxenxo o II Tríatlon Rías Baixas, no que participaron 340 deportistas.

 

Esta competición disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe), e a saída, boxes e meta estaban situadas no Club Náutico de Sanxenxo. A principal característica desta proba é que se disputou sen drafting, é dicir, estaba prohibido ir a roda doutro ciclista ou circular en pelotón, e iso propiciou que as distancias neste segmento fosen máis importantes.

 

Na proba feminina o triunfo, moi claro, foi para a deportista portuguesa do TriBraga, Rita María Lopes. Saíu da auga na terceira posición, e na bicicleta logrou o mellor parcial, así coma na carreira a pe. Todo iso, levouna a acadar un cómodo triunfo cun tempo final de 2:20:39. A segunda posición foi para Sonia Pariente (GV Sport) a case catro minutos de distancia (2:24:28), mentres que o bronce foi para Sara Castillo (Adventure Bike La Bajera), que non tivo opcións de loita polos dous primeiros postos (2:36:52).

 

Na categoría masculina, o triunfo foi para o máis regular, Sergio García, que estivo sempre colocado nas primeiras posicións nos tres segmentos. Foi o segundo na natación, o terceiro na bicicleta e terceiro na carreira a pe, e así consolidou un triunfo cun tempo final de 2:02:58.

 

Por detrás, moito movemento durante a proba. Trala bicicleta, Miguel Ángel Varela (Beariz Tríatlon) ocupaba a segunda posición, pero con Fabián Ubeira (Asociación Deportiva C.A.R.) e Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo) a pouca distancia e José Ángel Penas (Trinity Tríatlon) a case tres minutos.  Penas, cun terceiro sector espectacular, foi remontando posicións ata acadar o segundo posto cun tempo final de 2:04:15. A terceira posición foi para Lucas Escaneo (2:06:11).

 

Outros resultados nesta proba foron:

 

  • Sub 23: Rita María Lopes (McDonald´s/Tribraga) e Uxío Fernández (Trinorth-Nogasa).
  • Veterán 1: Verónica Mon (Beariz Tríatlon) e Luis Alberto Paredes (Tríatlon Morrazo).
  • Veterán 2: Andrés López (Monte Abaixo).
  • Veterán 3: José Manuel Cruces (Club Deportivo Pinarium)

 

clasifica tria sanxenxo

Quizáis che interese…