A responsable das promesas do péntatlon moderno galego, Ruth Ballesteros, prepara xa o novo calendario de competicións despois da concentración conxunta coa Federación Española en Lugo previa ao campionato de Europa Youth celebrado a pasada fin de semana en Portugal.
“Tanto a concentración como a competición foron unha gran experiencia. Adestrar cun mestre do nivel de Endre Kovacks é un privilexio e foi unha grande axuda en esgrima tanto para as rapazas coma para min”, afirma a adestradora galega.
Co décimo posto de Aroa Freije e finalizando Raúl Blanco 38º e Lúa Vidal 39ª no Europeo Youth, Ruth Ballesteros recoñece estar máis que satisfeita cos resultados dos galegos en esgrima. “Era a primeira vez que os rapaces competían a nivel internacional con esgrima –na categoría Youth realízanse as cinco probas do péntatlon moderno agás a hípica-. A esgrima das rapazas saíu mesmo mellor do esperado e iso que sabíamos que ía ser unha competición dura por ter moitas rivais dous anos maior que elas e cun nivel de esgrima moito máis avanzado”, valora a técnica da FEGATRI.
A natación foi a disciplina na que os deportistas galegos obtiveron mellores resultados. Aroa Freije marcou o mellor rexistro cun tempo de 2:12 e 1216 puntos -os competidores nadan unha distancia de 200 metros libres. Tódolos que completan o percorrido dentro do tempo de 2 min 30 seg gañan 1000 puntos. Cada 0,33 segundos suman ou restan 4 puntos-. Pola súa banda, Raúl Blanco lograba un bo crono con 2:10,51 e Lúa Vidal acadaba a súa mellor marca cun tempo de 2:24,31.
Despois de tres horas de esgrima pola mañá e cunha maior distancia de carreira, Aroa Freije conseguiu mellorar o seu posto na proba combinada -carreira sobre 3.200 m, combinando cada 800 m con 5 brancos a unha distancia de 10 m con pistola. A proba consta de catro paradas na zona de tiro -dispárase co obxectivo de acertar cinco tiros no branco nun tempo máximo de 1min 10 segundos para as categorías Youth-, mentres Lúa Vidal e Raúl Blanco aguantaban a posición.
Deste xeito, culmina a concentración iniciada en Lugo coa colaboración de Concello e Deputación, na que os canteiráns tiveron a oportunidade de adestrar co selección español sénior, Manolo Montesinos, e o actual campión de España sénior, o galego Cristóbal Rodríguez Fidalgo.
“A concentración e o Europeo permítennos centrar os nosos obxectivos para a temporada que vén tanto en relación a resultados como en aspectos técnicos de adestramentos e na elección do calendario de competicións”, asume Ruth Ballesteros, adestradora da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno.