SALETA CASTRO BUSCA NO IRONMAN DE  MAASTRICHT A SÚA CLASIFICACIÓN PARA O MUNDIAL DE HAWAII

28 de Xullo de 2016

Saleta Castro enfronta este domingo 31 de xullo o máis importante reto da súa carreira deportiva. A galega tentará acadar un posto no podio (ou o máis arriba posible) do Ironman de Maastricht para acadar así unha praza no Mundial de Hawaii, o seu soño dende que comezou na distancia Ironman.

Saleta enfronta este reto en boas condicións físicas e con moito ánimo despois do espectacular resultado acadado en Frankfurt  (Alemaña), onde foi sexta e facendo o mellor tempo da súa vida na carreira a pe. Ademais este resultado permitiulle recuperar opcións de loitar pola clasificación para Kona, que estaba moi complicada tras abandonar en Lanzarote e Texas. E foi por iso polo que decidiu competir en Maastricht, proba que en principio está excesivamente preto da de Alemaña. Así, a pesares de que houbo moi pouco tempo para recuperarse do tremendo esforzo que supón un Ironman, Saleta estivo adestrando estes días con magníficas sensacións, segundo ía expresando nas súas redes.

Pero se as sensacións deportivas son moi boas, nos últimos días a presión chegou por culpa de Vueling. A deportista viaxou cara a Maastricht (Holanda) o luns, pero á súa chegada comprobou que non aparecía nin a súa maleta nin a súa bicicleta e o resto do material deportivo. Aí comezou durante tres longos días unha loita coa compañía aérea e unha campaña nas redes sociais que finalmente permitiron que o seu material deportivo chegara a Maastricht hoxe mesmo. Así, a partir de hoxe Saleta poderá centrarse no verdadeiramente importante que é a proba, na que buscará cumprir o seu soño e lograr unha praza no Mundial de Kona, onde só están as 40 mellores triatletas da distancia Ironman do mundo.

As distancias do Ironman son de 3.800 metros de natación, 180 quilómetros en bicicleta e 42,2 de carreira a pe.

Quizáis che interese…

Abu Dhabi e Quarteira

Abu Dhabi e Quarteira

O venres comezaba unha fin de semana intensa seguindo os triatletas internacionais galegos....