Saleta Castro (independente) e Alejandro Álvarez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse hoxe en Riveira campións galegos de Tríatlon Curta Distancia 2013, nunha proba na que participaron 250 deportistas.
Na categoría feminina Saleta partía coma a gran favorita e confirmou todos os prognósticos (2:31:39). Foi en primeira posición dende o inicio e chegou a meta con máis de 13 minutos de distancia sobre a segunda clasificada, que foi María Martínez (Atletismo Porriño). En terceira posición,Blanca Lavandeira (Mar de Vigo) a 13:59.
A proba masculina non contaba con un favorito claro e ao longo da carreira houbo diferentes líderes. Da auga saíu en primeiro lugar Iván Rubio (Muralla de Lugo), pero a medida que ía avanzando a proba Alejandro Álvarez (Wild Wolf) foi remontando posicións para confirmar o seu liderazgo na carreira a pe, onde logrou o mellor tempo de todos os participantes. Así, chegou en primeira posición cun tempo de 2:13:19, mentres que José Manuel Pardo (Muralla) foi segundo a 29 segundos e Iván Rubio, terceiro (a 1 minuto e 30 segundos).
Noutras categorías estes foron os gañadores: Wild Wolf Cidade de Lugo (clubs femininos); Muralla de Lugo (clubs masculino); Irene Serrat, do Wild Wolf (xúnior feminino); María Martínez e Alejandro Álvarez (sub 23); Belén Lemat, do Wild Wolf, e Luis Álvarez Paredes, Tríatlon Morrazo, (Veterán 1) e Andrés López, de Monte Abaixo (veterán 2).
O Campionato Galego disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe), e a saída, boxes e meta estaban situadas na praia de Coroso. Antes da celebración do Campionato Galego (10:00 horas), tivo lugar unha proba popular con 57 participantes e distancias máis curtas (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2.500 metros de carreira a pe).