Sara Guerrero (Náutico de Narón) e Brais Canosa (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe vencedores do Dúatlon Concello de Riveira Memorial Jesús e Vicente, terceira proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2016.
Na categoría feminina, Sara Guerrero foi a mellor dende o inicio, ao liderar o primeiro segmento de carreira a pe. Por detrás, Iria Fernández (Arcade Inforhouse) a doce segundos e Marina Castro (Náutico de Narón) a 47 segundos. No ciclismo, Guerrero foi quen de manter a distancia e no terceiro segmento so tivo que confirmar a súa vitoria cun tempo final de 01:06:24. Por detrás, moi poucos cambios: Marina Castro ocupou a segunda posición (01:07:46) tras unha moi boa bicicleta, mentres que Iria Fernández foi bronce (01:10:31).
Na proba masculina as cousas estiveron moito máis apertadas dende o inicio. O primeiro segmento rematou con Brais Canosa en cabeza, pero seguido moi de preto por varios deportistas (Jorge González, Elpidio Gómez, Juan Sebastián Díaz, entre outros). E así continuou a proba cunha bicicleta axustada, o que permitiu chegar ao final con varios deportistas con opcións de loitar polo triunfo. Desta forma, todo se decidiu no último segmento da carreira a pe, no que Brais Canosa foi o máis rápido no final e acadou o triunfo cun tempo de 58:32. A segunda posición foi para Francisco Cendán (Talleres David Tríatlon Compostela) a dez segundos e o terceiro posto foi para Jorge González (Natación Riveira) cun tempo de 58:47.
Os vencedores noutras categorías son:
- Cadete: Irene Mera (Náutico de Narón) e Jorge González (Natación Riveira)
- Júnior: Emma Romeo (Tríatlon Ferrol) e Antonio Souto (Independente)
- Sub 23: Sara Guerrero (Náutico de Narón) e Francisco Cendán (Talleres David Tríatlon Compostela)
- Veterán 1: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e Elpidio Gómez (Lamargha-Tríatlon Beariz)
- Veterán 2: Laura López (Tri Ourense) e Jesús Rego (Tri-Penta Terras de Lugo)
- Clubs: Náutico de Narón (feminino) e Artrogal Tri-498 (masculino)
O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017 está formado por cinco probas: Guitiriz, Cidade de Lugo, Riveira, Santiago e Arteixo. Está en xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon, que se celebrará en Vigo o 9 de abril. Cristina Torres (Mar de Vigo) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo) proclamáronse vencedores do XI Dúatlon Concello de Guitiriz, mentres que en Lugo gañaron Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial).