Serrat encabeza cun segundo posto a sobranceira actuación galega na Copa do Mundo de Pontevedra

27 de Xullo de 2022

Pontevedra e o triatlón galego superaron con nota o test da Copa do Mundo. O evento que serviu como ensaio para a Gran Final das Series Mundiais que a Boa Vila acollerá no 2023, contou cun triatleta autonómico no podio. Antonio Serrat obtivo a segunda posición e outro sobranceiro resultado asinárono Natalia Castro e Sara Guerrero, cun dobe top-20. A guinda a unha inesquecible xornada púxoa o XXI Cidade de Pontevedra con vitorias de Elsa Pena e Iván Puentes.

O dorsal número 1 da proba masculina correspondeulle por ranking a Antonio Serrat e o vigués respondeu á condición de ser un dos principais favoritos á vitoria. Un total de 68 triatletas se lanzaron ao río Lérez no inicio dunha competición que repartiu puntos de cara os Xogos Olímpicos de París 2024 e o sector de natación completouno en cabeza o francés Valentin Morlec.

Tras a primeira transición non tardou en formarse un pelotón de 40 unidades á fronte da carreira e, unha vez que os triatletas se baixaron das súas bicicletas, un trío puxo terra de por medio no vistoso circuíto polo centro de Pontevedra. Serrat era un dos seus integrantes e estaba acompañado polo murciano Sergio Baxter e polo suízo Max Studer. Semellaba que o galego e o helvético ían xogarse o ouro, pero Baxter refíxose para atacar na última das catro voltas e vencer na meta do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (GCTD) cun tempo de 1:47:03, avantaxando en 9 segundos a Serrat e en 14” a Baxter.

Castro e Guerrero

A competición feminina, con 59 triatletas en liza, resolveuse co triunfo da checa Petra Kurikova, que remontou no sector da carreira para impoñerse por diante da alemá Lisa Tertsch e da francesa Sandra Dodet, segunda e terceira respectivamente. A mellor española, a valenciana Noelia Juan, rematou sexta e as seguintes clasificadas entre as representantes estatais foron dúas galegas.

Natalia Castro, no seu debut na Copa do Mundo, logrou a 19ª praza, a 1:51 da gañadora, e entrando xusto por diante de Sara Guerrero. Os grupos nos que rodaban as dúas representantes autonómicas fusionáronse durante os 40 quilómetros de ciclismo despois de que naronesa saíse por diante da auga. Ambas se instalaron no treito a pé dentro do top-20 e foi a sub23 bueuesa a primeira delas que cruzou a liña de meta.

Cidade de Pontevedra

No mesmo escenario da Copa do Mundo, pero en formato esprint, celebrouse pola tarde o XXI Tríatlon Cidade de Pontevedra, última proba do circuíto autonómico que outorgaba billetes para o Campionato de Galicia do 3 de setembro en Ferrol. Entre os tres centenares de deportistas que se apuntaron a esta competición triunfaron Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) e Iván Puente (Triatlón Ferrol).

A representante do conxunto lucense venceu cun rexistro de 1:06:18 e 5” de marxe respecto a súa compañeira de equipo Natalia Hidalgo. O podio completouno Raquel Alzaga (Náutico Narón).

Na proba masculina non houbo que agardar ata a recta final para coñecer ao gañador. Iván Puente, cun tempo de 57:39, bateu por 20” a Alejandro Baeza (Cidade de Lugo) e no esprint pola terceira praza o chileno Andree Buc (Cidade de Lugo) dobregou a Andrés Cendán (Cidade de Lugo) e Iago Lorenzo (Náutico Narón).

A disputa do Cidade de Pontevedra  tamén exerceu de exame para os Campionatos do Mundo de Grupos de Idade que terán lugar no marco da Gran Final das Series Mundiais do vindeiro ano.

Quizáis che interese…