Susana Rodríguez rematou na cuarta posición no Mundial de Paratríatlon, na categoría PT-5 (para deportistas con discapacidade visual), que se disputou hoxe en Rotterdam. Nesta oportunidade a medalla escapouse sendo a gran sorpresa a deportista local Joleen Hakker, que acadou a medalla de prata.
A viguesa sabía que sería unha proba complicada, con case todas as mellores deportistas do mundo en liza. Tan so faltaba na loita a campioa do mundo do pasado ano, Katie Kelly, pero quen sorprendeu foi a holandesa Joleen Hakker, que fixo un circuíto de bicicleta absolutamente espectacular, logrando o mellor parcial e con moita diferenza.
O ciclismo foi decisivo. Era un trazado moi complicado e técnico. Os deportistas tiña que dar catro voltas a un circuíto con máis de 25 xiros por volta e ao competir todas as categorías xuntas resultaba moi complicado poder adiantar nestas rúas tan estreitas. Pese a enorme dificultade da bicicleta, onde realmente non estiveron ao máximo nivel Susana e a súa guía Mabel Gallardo foi na carreira a pe, quizás moi desgastadas polo segmento anterior. Aí perderon un tempo fundamental, nun sector no que habitualmente remontan posicións, tal e como sucedera no Europeo de Lisboa, onde superaron con claridade a Joleen. Alisson Patrick (Gran Bretaña) proclamouse campioa do mundo por diante de Joleen Hakker (prata) e de Melissa Reid (bronce).
A pesar de non estar excesivamente satisfeita por el resultado, Susana xa pensa en seguir traballando cara aos Xogos Paralímpicos de setembro. Agora viaxan directamente a Serra Nevada a seguir coa preparación xunto a Mabel e o seu adestrador Luis Piña. Como aspectos positivos, destacar o rápidas que estiveron nas transicións (foron as mellores nas dúas) e tamén que tiveron unha proba máis para traballar xuntas (Susana e Mabel), xa que levan moi poucas probas ás súas costas. Ademais o circuíto de Río non se parece en nada ao de Rotterdam, polo que enfrontan o reto coa máxima ilusión.