Susana Rodríguez disputará esta fin de semana en Rotterdam o Campionato do Mundo de Paratríatlon, na categoría PT-5 (para deportistas con discapacidade visual). Será a proba máis destacada que enfronta xunto a súa nova guía Mabel Gallardo, unha vez decidiu desligarse de Mayalen Noriega no pasado mes de maio.
O Mundial celebrarase o domingo 24 de xullo (15:30 horas) e no mesmo estarán as mellores coa excepción da actual campioa do mundo a australiana Katie Kelly. Susana terá enfronte as británicas Alison Patrick e Melissa Reid, así coma a local Joleen Hakker. A nosa deportista xa se enfrontou con elas no Europeo de Lisboa, onde Susana acadou a medalla de bronce por detrás de Alison e Melissa.
As deportistas farán 750 metros no porto de Rotterdam e despois terán que realizar 20 quilómetros en bicicleta nun circuíto moi técnico ao discorrer por rúas empedradas e estreitas. E rematará con 5 quilómetros de carreira a pe por Het Park.
Nestas últimas semanas Susana e Mabel, xunto ao seu adestrador Luis Piña, estiveron adestrando en Lanzarote, traballando moi duro cara aos Xogos Paralímpicos de setembro. E tralo Mundial irán directamente a Serra Nevada para continuar coa súa preparación para Río.
Ano 2015. Susana Rodríguez Gacio, xunto á súa anterior guía Mayalen Noriega, acadou en Chicago a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Paratríatlon na categoría PT-5 (para deportistas con discapacidade visual).