GALICIA DEFENDE TÍTULO ESTA FIN DE SEMANA EN MEQUINENZA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS

21 de Xullo de 2016

Galicia buscará loitar polo podio no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se celebrará esta fin de semana en Mequinenza (Aragón). A Federación Galega, que defende o título do pasado ano, presentará uns equipos moi novos e con moito futuro, tanto na categoría masculina coma na feminina.

A expedición galega está composta por dous equipos de seis  deportistas cada un. O feminino, que conta con varias cadetes, está formado por Carla Castaño (en substitución de Melina Alonso, que foi baixa), Carmen Gómez, Camila Alonso, Sara Guerrero, Inés Castaño e Iria Rodríguez. As principais rivais, a priori, son Cataluña, Andalucía e Madrid. No masculino os integrantes son Antonio Serrat, Luismi Velásquez, Carlos Brión, Ismael López, Alberto Castiñeira e Martín Carrera. Cinco dos seus participantes (so faltou Luismi que foi baixa de última hora por enfermidade) xa competiron o pasado ano en Soria a pesares da súa xuventude. Na categoría masculina os equipos máis potentes, xunto a Galicia, Andalucía, Castela a Mancha ou Cataluña, con Madrid á espera dun erro dalgúns dos favoritos.

O campionato individual celebrarase o sábado 23 de xullo sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas). As seleccións galegas irán acompañadas do adestrador Jonathan Cancela e do directivo Paco Villanueva. A proba feminina comezará ás 17:00 horas do sábado, mentres que a masculina dará comezo ás 19.00 horas.

O domingo 24 de xullo terá lugar a proba de relevos mixta a partir das 10:00 horas. O equipo estará formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 250 metros de natación, 7,2 quilómetros de bicicleta e 1,8 de carreira a pe. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.

Resultados 2015. Galicia proclamouse o pasado ano en Almazán (Soria) campioa de España de Tríatlon por Autonomías. A selección feminina logrou o triunfo de forma brillante, mentres que o equipo masculino, con importantes baixas, foi bronce. Concretaron o título coa vitoria na proba de relevos mixtos.

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...