SUSANA RODRÍGUEZ, SEGUNDA EN BUFFALO CITY, CLASIFICADA PARA OS XOGOS DE RÍO

20 de Marzo de 2016

A viguesa Susana Rodríguez acadou hoxe a segunda posición na proba mundial de paratriatlon de Buffalo City e, deste xeito, garantiu a clasificación matemática para os Xogos Paralímpicos de Río deste verán (os primeiros para o tríatlon, que pasa a formar parte do programa paralímpico). Magnífica actuación da galega que tivo que enfrontarse as mellores e logrou un espectacular segundo posto por diante de Melissa Reid.

IMG-20160320-WA0004Dende a natación (750 metros), Alison Patrick logrou poñerse en cabeza e dominar a proba con certa facilidade, para chegar a meta na primeira posición. Por detrás, Susana Rodríguez, xunto á súa guía Mayalen Noriega, saíron a 20 segundos da británica Melissa Reid, que era segunda. Pero na bicicleta (20 quilómetros), a galega logrou recuperar eses segundos perdidos e incluso logrou poñerse por diante de Melissa na saída da transición, aínda que cunha distancia mínima.

Así, todo tiña que decidirse nos 5 quilómetros de carreira a pe, onde Melissa é unha verdadeira especialista. A británica púxose moi pronto por diante, pero o tándem Susana-Mayalen logrou manterse a só uns metros esperando a súa oportunidade. A falta duns 800 metros para o remate, Susana atacou con forza e superou a Reid, que xa non tivo capacidade de reacción para recuperar esa segunda posición.

Desta forma, o podio estivo formado por Alison Patrick cun tempo de 01:07:31, a segunda posición foi para Susana Rodríguez (01:10:45) e o bronce foi para Melissa Reid (01:10:59). Con este resultado, a galega garantiu de forma matemática a súa clasificación para os Xogos Paralímpicos de Río, polo que poderá enfrontar o resto da tempada coa tranquilidade necesaria para preparar esta importante cita.

Noraboa para Susana Rodríguez, a súa guía Mayalen Noriega e o seu adestrador Luís Piña!

 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....