TRI-PENTA TERRAS DE LUGO, CAMPIÓN DA COPA DO REI E DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR RELEVOS NA CATEGORÍA MASCULINA

11 de Maio de 2014

Fin de semana perfecto para o Tri-Penta Terras de Lugo na súa primeira presenza coma club nunca proba estatal de gran categoría. O club lucense logrou dous títulos: Campión da Copa do Rei e do Campionato de España de Tríatlon por relevos, ambos na categoría masculina.

Copa do Rei. O Tri-Penta Terras de Lugo tivo unha espectacular presentación en sociedade nun torneo estatal. O club lucense, creado hai só uns meses, acudía á Copa do Rei en Canet de Berenger cun equipo potente, pero aínda así sorprendeu a todos, ao lograr o título na categoría masculina e con bastante superioridade sobre o resto. Ademais, hai que destacar o bronce do Cidade de Lugo Fluvial na categoría feminina.

A proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) é unha contrarreloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo. Os equipos saen en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións. E precisamente a normativa era un dos factores que prexudicaban ao Terras de Lugo. Por ser un club de recente creación, saíu no grupo dos “menos bos”, polo que tivo moito máis “tráfico” do normal e incluso dobrou a algún equipo o que lle fixo perder algún tempo. Iso non sucedeu entre os primeiros clasificados, onde os equipos teñen un potencial parello polo que resulta difícil alcanzar ao que sae por diante.

Así, o Tri-Penta Terras de Lugo estivo en cabeza case dende o inicio da proba, cun impresionante Fernando Alarza liderando o equipo. Na bicicleta Tomás Olavarría traballou para os seus compañeiros e despois abandonou e deixou en cabeza a Alarza, Nan Oliveiras, Antonio Serrat e Iñaki Baldellou, que foi o que marcou o tempo.

Despois de correr, tocou esperar, e moito, a que chegaran os supostos mellores equipos. Había conxuntos moi potentes coma o Tricanet de Berenger (creado case exclusivamente para gañar esta proba), Diablillos de Rivas ou Fasttriatlon. Pero ningún foi quen de mellorar o tempo dos galegos, que lograron o título. A prata foi para Tricanet de Berenger e o bronce, para Fasttriatlon. O Arcade estivo moi discreto coa 19ª posición.

Na proba feminina, tamén houbo medalla para un club galego e de Lugo. Nesta oportunidade o premio foi para o Cidade de Lugo Fluvial, que defendía o título do pasado ano, aínda que tiña baixas moi importantes. Pero a pesar diso, as galegas fixeron un magnífico traballo e lograron a terceira posición. O Arcade, que liderou a proba de forma provisional, caeu do podio nos minutos finais e quedou cuarto clasificado. O título foi para o Diablillo de Rivas e a prata, para o Fasttriatlon.

Campionato de España de Tríatlon por relevos. Hoxe disputouse esta competición na que os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (300 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro. E novamente sorprendeu o Tri-Penta Terras de Lugo (con Fernando Alarza, Antonio Serrat e Nan Oliveiras) e tamén cunha moi boa actuación do Arcade Inforhouse. Alarza fixo o primeiro relevo espectacular e logrou unha gran vantaxe, que despois confirmou Serrat e mantivo Oliveiras. Triunfo para o club lucense, mentres o segundo posto foi para o Fasttriatlon e o bronce para o Arcade Inforhouse, despois dun axustado sprint final.

Na categoría feminina, o Cidade de Lugo Fluvial loitou polo podio, pero ao final tivo que conformarse coa cuarta posición. Ademais, hai que destacar o quinto posto do Arcade e o oitavo do Olímpico de Vedra. O título foi para o Tríatlon Claveria.

 

 

Quizáis che interese…

Challenge Mogán Gran Canaria

Challenge Mogán Gran Canaria

LoChallenge Mogán Gran Canaria Mañá sábado 24 de Abril, Pablo Dapena e Ivan Raña competirán cos millores triatletas de...