O tríatlon galego volveu amosar a súa supremacía no Campionato de España de Tríatlon por Clubs (quinta xornada da Liga Nacional de Clubs), celebrado hoxe en Xixón. Tríatlon Ferrol feminino e Cidade de Lugo masculino proclamáronse campións de España de Tríatlon por clubs nunha xornada historia para o tríatlon galego. Ademais, o Arcade Inforhouse logrou a prata masculina e o Cidade de Lugo, o bronce feminino.
Categoría feminina. Interesante loita entre dous equipos galegos (Cidade de Lugo Fluvial e Tríatlon Ferrol) e o Diablillos de Rivas polo título feminino, que finalmente foi para o club ferrolán cunha magnífica actuación colectiva do seu equipo, que logrou meter a seis triatletas entre as dez primeiras. Desta forma o Tríatlon Ferrol proclamouse campión de España con 1.151 puntos, mentres que o subcampionato foi para o Diablillos de Rivas (1.106 puntos) e o bronce para o Cidade de Lugo (1.015 puntos).
Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) logrou o triunfo individual, seguida de preto pola súa irmá Melina, tamén do Ferrol. Pola súa banda, a terceira praza foi para Anna Godoy, do Cidade de Lugo.
Primeira división masculina. Novamente interesante loita entre clubs galegos polos primeiros postos, que rematou co campionato e subcampionato para Galicia. O Cidade de Lugo Fluvial, con cinco deportistas entre os dez primeiros, logrou o título cun total de 1.317 puntos. A prata foi para o Arcade Inforhouse Santiago (1.298) e o bronce para o C.T. Diablillos de Rivas (1.202).
Pablo Dapena (Cidade de Lugo) proclamouse campión a nivel individual nun apertado final con Ignacio González (Arcade Inforhouse), mentres que a terceira posición foi para Alberto González (Arcade Inforhouse).
Neste campionato cada entidade presenta un equipo formado por un mínimo de 8 deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. A proba disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación na praia de Poniente, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe).
O sábado disputáronse as probas de promoción co terceiro posto do Olímpico de Vedra na categoría masculina, como mellor resultado galego. A nivel individual, tamén hai que destacar o triunfo de Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo), mentres que Martín Carrera (Natación Riveira) foi prata.
Imaxe: Fetri
http://triatlon.org/triweb/index.php/competiciones/resultados-2016/