TRIUNFOS DO DIABLILLOS DE RIVAS FEMININO E O UNIVERSIDADE DE ALACANTE MASCULINO EN PONTEVEDRA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR RELEVOS

22 de Maio de 2016

O C. T. Diablillos de Rivas e Universidade de Alacante proclamáronse hoxe en Pontevedra campións de España de Tríatlon por Relevos, nas categorías elite feminina e masculina respectivamente. Galicia logrou un total de cinco medallas: Arcade Inforhouse foi prata en elite masculina; Tríatlon Ferrol acadou o bronce en elite feminina, Cidade de Lugo Fluvial proclamouse campioa de España na categoría Open feminina e tamén na categoría escolar feminina, e o Motobike Galaico Pontevedra logrou o bronce en escolar feminino.

Na proba feminina, o A.D. Ecosport Tríatlon Alcobendas  mandaba á saída da T1 da primeira substitución, con todo cambiarían e torna e tralo tramo de 6 quilómetros ciclistas,  Meritxell Velasco do Fasttriatlón, Xisca Tous (C.T. Diablillos de Rivas) e  Lucía Salafranca (Club Tríatlon Las Rozas) disputábanse o liderado. Finalmente, Tous e Salafranca serían as primeiras en entregar a testemuña.

 

Entrados na segunda substitución, Ibone Sánchez Garmendia do Diablillos, Dolça Ollé do Fasttriatlón e Ana Carvajal do Tríatlon Ferrol encabezaban a contenda. Carvajal e Sánchez Garmendia lograrían adiantarse lixeiramente á saída da T2, con Ollé marchando en terceiro lugar. A situación manteríase igual e axustada e a triatleta do equipo de Rivas-Vaciamadrid pasaría a quenda a Paula García Godino para efectuar o último relevo.

 

Mediado o sector ciclista o Diablillos e o Fasttriatlón, agora con Anna Flaquer, colocábanse na cabeza con Camila Alonso do Tríatlon Ferrol en terceira posición.

 

Chegados ao último tramo de carreira a pé García Godino  e Flaquer pugnaban por facerse co cetro de campioas de España. Vitoria final para o C.T. Diablillos de Rivas cun equipo formado por Xisca  Tous, Ibone Sánchez Garmendia e Paula García Godino. O subcampionato  sería para as representantes do Fasttriatlon C.N. Montjuic (Meritxell Velasco, Dolça Ollé e Anna Flaquer) e Sara Guerreiro, Ana Carvajal e Camila Alonso alzábanse coa medalla de bronce.

 

Elite masculina. Roberto Sánchez Mantecón, Cesc Godoy e Jesús Gomar, do Universidade de Alacante, repetían por segundo ano consecutivo no máis alto do podio masculino. Un podio no que os integrantes do Arcade Inforhouse de Santiago (Alberto Castiñeira, Diego Paz e Antón Ruanova) alcanzarían o subcampionato e o Fasttriatlon-C.N. Montjuic con Albert Parreño, Nan Oliveras, Jordi García Gracia redondearía o podio obtendo a terceira praza.

 

O Universidade liderou a proba desde o primeiro relevista. Roberto Sánchez xa entregou a súa testemuña na cabeza e Cesc Godoy non só mantivo o posto de privilexio, senón que aumentou as distancias de forma significativa. Desta forma, Jesús Gomar deu unha exhibición final total, cunha enorme superioridade, mentres que por detrás estaba a loita.

 

Fasttriatlon, sempre nas posicións destacadas, chegou á última substitución (Jordi García) en segunda posición, mentres que o Arcade estaba en quinto lugar, aínda que remontando. Así, Antón Ruanova afrontaba a súa quenda e segmento a segmento foi subindo posicións. Na  saída da última transición, con só 1,2 quilómetros por diante, era terceiro con Jordi García no punto de mira, pero Ruanova apertou e logrou unha segunda posición que lles soubo a triunfo.

 

Previamente, as triatletas do Cidade de Lugo Fluvial conquistaba o campionato escolar feminino, nun podio compartido coas integrantes do Saltoki Trikideak, segundas, e coas galegas do Tríatlon Motobike Galaico Pontevedra, terceiras. Na proba masculina, os mozos do ADSevilla Bikila equipo A facíanse coa vitoria, cos andaluces do Montilla-Córdoba Tríatlon cultivando a medalla de prata e o equipo madrileño do C.T. Diablillos de Rivas levantándose ao terceiro posto do podio.

 

En categoría open feminina a vitoria sería para as mozas do Cidade de Lugo Fluvial equipo B, co C.T. Las Rozas equipo B colgándose a medalla de prata e o C.T. Ondarreta Alcorcón equipo B asinando a presea de bronce. Na proba masculina, o podio estivo formado polos representantes do  C.T. Diablillos de Rivas equipo C, prata para os compoñentes do Tríatlon Clavería Móstoles equipo B e o terceiro metal recaía nos mozos do Montilla-Córdoba Tríatlon equipo B.

 

Declaracións:

 

A deportista do Diablillos de Rivas Paula García Godino indicou que “sacámonos a espiña que tiñamos cravada de onte onde a líamos un pouquiño”. Nesta ocasión, “a estratexia saíu ben. Decidimos abrir coa mellor en natación e pechar coa mellor en carreira a pé, por se nos tocaba ter que apertar na última carreira. Ao final estivemos sempre entre as primeiras posicións e estamos satisfeitas co triunfo e o título”.

 

O Universidade de Alacante tivo unha fin de semana redonda con dous títulos e así o explicou Cesc Godoy: “Todo o equipo estivo a un nivel excelente. Robert entregou en primeira posición, eu o mantiven e aumentei a distancia e Jesús terminou de forma sensacional. Así conseguimos de novo o título de campión de España e marchamos felices e encantados a casa”.

 

Pola súa parte o equipo do Arcade Inforhouse quitouse a espiña do día anterior, segundo indicou Antón Ruanova. “Démoslle a volta ao que pasou onte, que para nós foi unha decepción. Non estabamos satisfeitos, aínda que non creo que foxe un problema de plantexamento, senón que ás veces non saen as cousas. Hoxe foi todo tal e como estaba previsto. Tiñamos un equipo forte e compensado no que todos fixemos o noso traballo. Eu tiven a sorte de entrar en segunda posición, pero o traballo foi dos tres”.

 

 

Quizáis che interese…