Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) acadou a medalla de bronce no Campionato de España de Tríatlon na distancia olímpica que se celebrou o sábado 29 de agosto en Altafulla (Tarragona). Ademais, hai que destacar a sexta posición do vigués Antonio Serrat, a sétima de Pablo Dapena e a novena de Diego Paz. Na categoría feminina, Joselyn Brea (deportista venezolana con licenza galega que está adestrando no CGTD xunto a Omar González) logrou o segundo posto.
Elite feminina. Tamara Gómez (do Tríatlon Ferrol) proclamouse campioa de España de Tríatlon na distancia olímpica, nunha proba na que Melina Alonso estivo en cabeza nos dous primeiros segmentos. Pola súa banda, a venezolana con licenza galega Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou a segunda posición, facendo unha magnífica remontada na carreira a pe.
As deportistas galegas estiveron moi activas durante a proba. Trala natación, Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) estaba entre as primeiras ao saír da T-1, e despois durante a bicicleta a súa compañeira de club Melina Alonso logrou meterse no grupo de cabeza. Eran catro deportistas (Tamara Gómez, Ana Godoy, Melina Alonso e Sara Pérez) e chegaron á segunda transición con 2:30 sobre o segundo grupo, no que estaba a venezolana Joselyn Brea.
Pero a carreira a pe se lle fixo moi longa e dura a Melina, que foi afundíndose ata rematar na 18ª posición. Situación que contrasta coa de Joselyn, que foi remontando unha a unha a Melina, Sara e Anna, para rematar na segunda posición, só por detrás de Tamara Gómez. A aínda júnior Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) foi 30ª nunha proba con distancias dobres ao que ela disputa habitualmente na súa categoría.
Tamara Gómez proclamouse campioa de España cun tempo de 02:10:47, mentres que segunda na proba (non para o Campionato) foi Joselyn Brea cun tempo de 02:11:41. A terceira posición (prata no Campionato de España) foi para Anna Godoy (02:13:18).
Na proba masculina Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) non puido revalidar o título do 2014, pero si logrou meterse no podio, logrando a medalla de bronce. O título foi para Nan Oliveras, que foi o mellor na carreira a pe.
A proba comezou a definirse xa na auga, ao formarse un grupo de uns 14 deportistas nos que estaban todos os favoritos, entre eles os nosos galegos Uxío Abuín, Antonio Serrat, Pablo Dapena ou Diego Paz, ademais de Nan Oliveras, Antonio Benito ou David Castro. Así, seguiron xuntos ata a segunda transición, da que saíron cunha vantaxe de máis de dous minutos sobre o segundo grupo. Desta forma, estaba claro que o triunfo se decidiría no grupo de cabeza e na carreira a pe, pero Nan non deu opción e logrou escaparse en solitario. Por detrás, un bonito duelo entre David Castro, Uxío Abuín, Fidalgo e Benito pola segunda posición, que se decidiu no último quilómetro a favor de Castro.
O podio estivo formado por Nan Oliveras (01:53:46), a prata foi para David Castro (01:54:10) e o bronce para Uxío Abuín (01:54:13). A sexta posición foi para Antonio Serrat (01:54:44), mentres que Pablo Dapena foi sétimo (01:55:27) e Diego Paz, noveno (01:56:33). Na categoría sub 23, Antonio Serrat foi cuarto clasificado, mentres que repetía título Nan Ol¡veras.
Paratríatlon. Ademais, hai que destacar que Susana Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o título con moita superioridade sobre Gema Sevillano. A galega, xunto a súa guía Mayalen Noriega, fixo un tempo de 01:17:18. Sufriron moito polas altísimas temperaturas. En paratriatlon as distancias son de 750 metros de natación, 20 de ciclismo e 5 de carreira a pe.
Neste enlace, podedes consultar todos os resultados.
http://www.rockthesport.com/evento/campeonato-de-espana-de-triatlon/clasificaciones