Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) e as irmás Alonso (Tríatlon Ferrol) disputarán esta fin de semana a Copa África de Agadir (Marrocos), unha das últimas probas do calendario internacional da presente tempada.
Será unha proba de menor nivel, tal e como se pode apreciar no número de participantes. Na categoría feminina hai inscritas 7 triatletas, mentres que na masculina non chegan a trintena de participantes. O pasado ano non houbo galegos en Agadir, pero nesta edición contamos cunha importante representación. Uxío Abuín, que está a facer un final de tempada espectacular, parte como favorito na categoría masculina. O galego sumou dúas vitorias nas últimas copas do Mundo da tempada e agora tentará sumar o terceiro triunfo consecutivo en Agadir. A proba masculina celebrarase o sábado 5 de novembro ás 09:00 horas en Marrocos (unha hora menos, en Galicia).
Pola súa banda, as ferrolás Camila e Melina Alonso queren rematar a tempada cun bo sabor de boca, despois de non estar excesivamente satisfeitas do feito en Miyazaki (Xapón) a semana pasada. A saída está prevista para as 09:05 horas en Marrocos (unha hora menos en Galicia). As distancias serán de 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe.