UXÍO ABUÍN, IMBATIBLE NA COPA DO MUNDO DE MIYAZAKI EN XAPÓN

29 de Outubro de 2016

Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) fixo pleno de vitorias na xira asiática de remate de tempada. O galego puxo un broche de ouro a unha gran tempada na que acadou magníficos resultados e que rematou cos seus dous primeiros triunfos en Copas do Mundo. Esta madrugada logrou unha impresionante vitoria, novamente ao sprint, na Copa do Mundo de Miyazaki (Xapón). Na categoría feminina, Melina Alonso ocupou a 25ª posición, mentres que a súa irmá Camila Alonso (Ambas do Tríatlon Ferrol) foi 27ª.

Uxío sempre estivo moi ben colocado nunha proba moi dura, na que houbo moitos abandonos. Así saíu no grupo principal da auga  (1.500 metros) sen distancias insalvables. Na bicicleta, despois de catro voltas,  formouse un grupo principal de máis de corenta triatletas e así chegaron a definitiva T2.

Novamente todo tería que decidirse na carreira a pe, e Uxío nunca perdeu de vista as primeiras posicións. Na primeira parte dos dez quilómetros estivo máis tranquilo, discreto, pero sen deixar escapar a ninguén. Así, finalmente quedaron seis homes na loita polas medallas e unha vez máis, Abuín amosou o seu bo facer e sangue fría no sprint. O primeiro en atacar foi o galego, pero con Joao Silva e Gregory Billington sen deixalo ir. Así que foi sobre a alfombra azul, lucindo como as estrelas de cine nun gran estreo, onde Uxío volveu a atacar para chegar en cabeza á liña de meta.

O ouro foi para Uxío cun tempo de 01:52:29, mentres que a prata foi para o luso Silva (01:52:30) e o bronce para o estadounidense Billington (01:52:31). O venezolano, con licenza galega, Luismi Velásquez foi un dos retirados nesta última Copa do Mundo da tempada.

Na categoría feminina as irmás Alonso, Camila e Melina, tiveron un papel máis discreto, nunha proba na que estaban case as mesmas participantes da Copa do Mundo de Corea, que se celebrou a pasada semana. En cabeza, os resultados foron moi semellantes: Ai Ueda foi a campioa (en Corea, 2ª), Summer Cook, prata (en Corea, 1ª) e Renee Tomlin, bronce (en ambas probas).

Pero os resultados non foron os mesmos para Melina, que en Corea logrou meterse no top-15, coa súa magnífica 13ª posición. En Xapón, Melina Alonso rematou na 25ª posición (02:06:36) e Camila Alonso, 27ª (02:11:22).

Esta foi a última cita do circuíto da Copa do Mundo desta tempada e a proba disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe).

Resultados

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...