UXÍO ABUÍN, CAMPIÓN DO CIRCUITO EUROPEO TRAS LOGRAR O BRONCE NA FINAL DAS COPAS DE EUROPA EN MELILLA

8 de Outubro de 2017

Nova alegría para o tríatlon galego. Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou o triunfo no circuíto das Copas de Europa 2017, tras conseguir hoxe o bronce na Copa de Europa de Melilla (última proba do circuíto) e o abandono do, ata hoxe líder provisional, Joao Pereira. En Melilla tamén estaban  Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), que tivo que retirarse; Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) que foi 28ª, e Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), 11ª na proba feminina. E a nosa xuíza internacional, Mónica Flores.

Uxío tiña complicado o triunfo no circuíto pero o galego estaba disposto a poñer en apuros a Joao Pereira e así foi a por todas dende o inicio. Estivo entre os mellores na natación, xunto a Antonio Serrat, e incluso os dous galegos tentaron escaparse no inicio da bicicleta. Pero moi pronto o grupo principal, cos grandes favoritos, logrou collelos. Así tocaba esperar o momento de atacar, pero a bicicleta foi decisiva. O líder do circuíto Joao Pereira tivo que abandonar a proba tras unha caída e de golpe, as opcións de Uxío medraron. Tamén tivo que retirarse o vigués Serrat por unha avaría na bicicleta, e así Uxío perdeu a un importante apoio para a carreira a pe. Pero, un ano máis, Abuín está a facer un final de tempada excepcional e pode con todo, o que lle permitiu acadar o bronce e garantir así o seu triunfo no circuíto. Andrés Cendán rematou na 28ª posición. O podio estivo formado polo belga Geens (ouro), o francés Montoya (prata) e Abuín (bronce).

Uxío logrou así o título no circuíto (igual que no ano 2015) cuns resultados incribles: O seu triunfo en Altafulla, o segundo posto en Quarteira, os bronces de Melilla e Gran Canaria, ademais do quinto lugar no Campionato de Europa de distancia olímpica disputado en Kitzbuhel.

Na categoría feminina, Inés Santiago estivo sempre entre as primeiras clasificadas, facendo unha proba moi regular. Saíu da auga na décima posición e foi moi rápida na T-1, o que lle permitiu comezar o segmento de bicicleta na oitava posición. Aguantou os corenta quilómetros de ciclismo no grupo de cabeza, aínda que non se atopaba moi final, e así saíu da segunda transición na 17ª posición. E como sempre fai Inés, escalou posicións na carreira a pe, onde recuperou as boas sensacións. Trala primeira volta xa era 12ª e na segunda, ocupaba a undécima posición, de onde non se baixou ata parar o crono en 2:10:53.

 

 

 

 

Quizáis che interese…