Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) participarán esta fin de semana nunhas das últimas probas da actual tempada. Uxío competirá na Copa do Mundo de Yongyeong (Korea), mentres que Camila disputará a Copa do Mundo de Salinas (Ecuador).
Uxío Abuín continúa nun momento excepcional, a pesar de atoparse no tramo final da tempada. E coma mostra, a súa actuación hai tres semanas en Melilla, onde o galego acadou o ouro e confirmou o seu título do Circuíto Europeo. A competición de Yongyeong terá lugar o sábado 28 de outubro (11:45, hora local) e disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe). Na lista de inscritos hai moi bos triatletas, coma Andreas Schilling, Rostislav Pevtsov ou o francés Simon Viain. Uxío sairá co dorsal número 5.
Pola súa banda, Camila Alonso participará na proba da Copa do Mundo de Salinas, tamén da distancia sprint. Neste caso a proba disputarase o domingo 29 e Camila busca rematar con boas sensacións unha campaña que comezou moi ben e que quedou cortada pola caída na Copa do Mundo de Cagliari no mes de xuño, que lle obrigou a estar parada durante máis de dous meses.