Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) proclamouse hoxe en Ibiza campión de España de Tríatlon de Longa Distancia, mentres que Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) foi bronce. Dous galegos no podio, para amosar o seu dominio.
Tanto Pablo coma Gustavo fixeron unha campaña espectacular, aínda que nos dous últimos meses o tudense sufriu moito e chegaba a esta proba, na que defendía o título, un pouco canso, tanto física coma mentalmente. Pola súa parte, Pablo combinou o seu salto á media distancia con actuacións en distancia olímpica ou incluso sprint, e tamén con grandísimos resultados. Da tempada, só se poder destacar como negativo o desgusto do Mundial de Penticton, onde foi descualificado.
Parecía que sería clave o segmento da natación, xa que eran 4 quilómetros que a Gustavo se lle ían facer moi longos. E cumpriuse o previsto. Pablo Dapena saíu da primeira transición moi ben colocado, na segunda posición, mentres que Gustavo era 12º a case oito minutos dos primeiros. Na bicicleta, Emilio Aguayo logra escaparse en solitario e chegou a T-2 con 4:50 de vantaxe sobre Pablo Dapena e case 11 minutos sobre Gustavo Rodríguez, despois de facer 120 quilómetros moi duros e esixentes.
Faltaban os 30 quilómetros de carreira a pe, e comezou a remontada espectacular do pontevedrés, que lle levou a poñerse en cabeza en torno ao quilómetro 12. Por detrás, Gustavo Rodríguez tamén está a recortar, pero finalmente Aguayo logra repoñerse e aguantar esta segunda posición. Desta forma, Pablo Dapena acadou, en medio da choiva, o título de campión de España de Longa Distancia cun tempo final de 5:59:31, mentres que segundo clasificado foi Emilio Aguayo (06:05:25) e Gustavo Rodríguez, bronce (06:06:43).