UXÍO ABUÍN GAÑA A COPA DO MUNDO DE WEIHAI, CON ANTONIO SERRAT NA TERCEIRA POSICIÓN

30 de Setembro de 2017

Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou a vitoria na Copa do Mundo de Weihai (China) con Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) tamén no podio, ao conseguir a terceira posición. Grandísimos resultados dos nosos deportistas na categoría masculina. Na feminina non houbo tan bos resultados: Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi 15ª, mentres que Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) no rematou a proba.

Uxío volve estar imparable no tramo final da tempada, como xa sucedera o pasado ano. Viña de acadar o bronce na Copa do Mundo de Huelva e quería máis. Dende o inicio, Antonio e Uxío estiveron nas primeiras posicións. Lograron meterse no primeiro grupo da bicicleta, despois de facer unha gran natación na bahía de Halfmoon. Así, ambos formaban parte do grupo de cabeza, formado por 8 deportistas, que levaban unha vantaxe duns 40 segundos sobre o segundo grupo no que ía Rodrigo González. Pero a falta de dous quilómetros para chegar á segunda transición foron absorbidos e así todo tiña que decidirse na carreira a pe.

De entrada formouse un grupo cabeceiro de tres triatletas dos cales dous eran galegos: Uxío Abuín, Antonio Serrat e o mexicano Rodrigo González. Fixeron xuntos o terceiro segmento ata que a falta de 1.500 metros Rodrigo atacou e só Uxío puido responder, mentres que Antonio quedou descolgado. E así, o triunfo ía a decidirse entre o galego e o mexicano, e novamente Uxío amosou a súa velocidade nos metros finais para lograr a vitoria. O triunfo foi para Uxío Abuín cun tempo de 1:56:15, con Rodrigo González na segunda posición (1:56:19) e Antonio Serrat, bronce (1:56:38).

Na categoría feminina, as nosas representantes non estiveron tan afortunadas. Camila Alonso rematou na 15ª posición (2:23:30), mentres que Melina Alonso non puido rematar a proba. Ambas xa quedaron cortadas na natación, ao entrar nun segundo grupo a un minuto de distancia da líder e a bicicleta se lles fixo moi dura, nun circuíto moi técnico e esixente. Ademais, Melina tivo unha avaría mecánica na bicicleta que lle obrigou a abandonar.

Hai que recordar que as distancias na Copa do Mundo de Weihai era olímpicas, é dicir, 1.500 metros de natación na bahía de Halfmoon, 40,2 quilómetros de ciclismo (bastante técnico) e 10 quilómetros de carreira a pe.

 

 

Quizáis che interese…