UXÍO ABUÍN, PRATA NA COPA DE EUROPA DE QUARTEIRA TRAS UN EMOCIONANTE FINAL

1 de Abril de 2017

Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou hoxe a medalla de prata na Copa de Europa de Quarteira nun emocionante final. Pola súa banda, Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) ocupou a 21ª posición, mentres que Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) foi 32º.

O noso deportista estivo moi ben posicionado na proba dende o inicio. Á saída da auga tras realizar os 1.500 metros de natación, Uxío estaba a 8 segundos escasos dos líderes e con opcións a todo. Por detrás, os outros dous galegos, pero a menos de 30 segundos.

A bicicleta foi decisiva xa que se formou un grupo duns vinte deportistas, cos principais favoritos para loitar polo podio. No grupillo estaban Benson, Uxío, Pereira, Coninx, Raso ou Montiel, entre outros. Mentres, Castiñeira e Cendán estaban no segundo grupo a 1:30 de distancia.

Así, os 10 quilómetros de carreira a pe presentábanse moi emocionantes, con grandísimos triatletas na loita. E non decepcionaron  cun final apoteósico cos tres primeiros en só 7 segundos. Joao Pereira logrou o triunfo en casa cun tempo de 01:48:44, con Uxío Abuín na segunda posición (01:48:50) e Dorian Coninx (01:48:51), terceiro.

Con respecto aos outros dous galegos presentes en Quarteira, sinalar que Andrés Cendán chegou na 21ª posición cun tempo final 01:52:22, mentres que Alberto Castiñeira rematou no posto 32º (01:53:19).

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...