Vedra acollerá o sábado 17 de febreiro, por cuarto ano consecutivo, o Campionato Galego de Dúatlon contra o reloxo por equipos, no que están inscritos case 90 equipos (464 participantes) nas tres probas previstas (Open e os Campionatos Galegos masculino e feminino).
A proba Open comezará ás 15:00 horas e na mesma os clubs poden presentar varios equipos. Desta forma, na categoría masculina hai inscritos 50 equipos, mentres que na feminina hai tres.
O Campionato Galego Feminino será o primeiro en celebrarse, a partir das 16:20 horas e no mesmo hai inscritos 9 equipos, entre os que figura o campión do pasado ano, Náutico de Narón, que defenderá o título. O Galego masculino comezará ás 17:00 horas coa participación de 24 equipos. O equipo anfitrión, Olímpico de Vedra, defende o título galego do ano 2017, fronte a outros clubs coma Tríatlon Ferrol, Arcade Inforhouse, Tríatlon Arteixo, Tríatlon Vilagarcía ou Natación Ribeira, entre outros.
Nesta modalidade de contra o reloxo, os equipos van saíndo de xeito escalonado cada minuto, e estarán compostos por entre 4 e 6 compoñentes, que terán que disputar a proba agrupados en todo momento. Non está permitido o drafting (ir a roda doutro equipo). Ao final contará en meta o tempo do cuarto integrante do club, despois de completar un recorrido de 5 quilómetros a pe, 20 en bicicleta e 2,5 qm. a pe novamente. A area de transición, saída e meta da proba estarán situadas na “Pista Multiusos” situada na Avda. Mestre Manuel Gómez Lorenzo.
2017. Olímpico de Vedra (categoría masculina) e Náutico de Narón (feminino) acadaron o título de campións galegos de Dúatlon contra o reloxo por equipos en 2017, tamén en Vedra.