CARMEN GÓMEZ FOI 12ª E ANDRÉS CENDÁN 21º, NO EUROPEO SUB 23 DE EILAT

21 de Outubro de 2018

No Campionato de Europa sub 23 de Eilat (Israel) Carmen Gómez logrou a 12ª praza, mentres que Andrés Cendán foi 21º.

Na proba feminina bo resultado para Carmen Gómez, que rematou na 12ª posición cun tempo de 02:16:54, mentres que a deportista madrileña do Cidade de Lugo Cecilia Santamaría logrou a medalla de prata. Pese ao posto, a galega non estaba contenta por como discorrera a proba. Nadou mal (na primeira boia ía última) e a pesar de que despois conseguiu remontar postos, non foi suficiente para entrar no primeiro grupo. Tocaba remontar na bicicleta, pero no seu grupo non contou con ningún apoio e así foi imposible recortar distancias, polo que os postos de arriba quedaron descartados. Aínda así, bo posto para Gómez e a pensar xa na próxima tempada.

Pola súa banda, Andrés Cendán foi 21º, un pouco por baixo das súas aspiracións nesta proba. Cendán non fixo mala natación, e tiña opcións de meterse no grupo de cabeza na bicicleta pero “na primeira subida quedei, xa que as pernas non responderon como quixera”. No terceiro segmento, carreira a pe, “tocoume remontar todo o que puiden e finalmente conseguín correr ben e gañar seis posicións para rematar 21º”. Era o seu primeiro Europeo sub 23, e aínda que non está descontento “creo que podía optar a algo máis”. Nesta proba o bronce foi para o español Roberto Sánchez Mantecón.

A proba disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pe), a pesar das altas temperaturas.

  

 

 

Quizáis che interese…