CINCO GALEGOS PARTICIPARÁN O SÁBADO NA CUARTA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN LONRES

30 de Maio de 2014

Javier Gómez Noya regresa o sábado a Londres en busca dun novo récord: A cuarta vitoria consecutiva nunha proba das Series Mundiais de Tríatlon. O galego é o líder indiscutible da clasificación provisional con tres triunfos en tres probas e quere dar un paso máis cara a revalidar o título mundial, conseguido precisamente o pasado ano nunha final épica en Londres. Xunto a Javi estarán Fernando Alarza, que está a realizar unha espectacular tempada, e Iván Raña mentres que na proba feminina competirán Melina Alonso e María Ortega en busca de puntos ITU para a clasificación para os Xogos Olímpicos.

 Os recordos de Gómez Noya non poden ser mellores de Londres. O pasado ano enfrontaba a proba con poucas posibilidades de lograr o título mundial e logrouno nun sprint cardíaco con Jonathan Brownlee. Así, o sábado 31 de maio (15:30 horas) volverán a estar os mesmo protagonistas (Javi e os irmáns Brownlee) aínda que agora o que vai por diante é o ferrolán. Ademais, tamén participarán en Londres Fernando Alarza, que quere seguir na súa progresión proba a proba, e Iván Raña, que pasará da longa distancia a unha proba das Series Mundiais, ademais en distancia sprint. Porque esa será unha das novidades deste ano: A carreira disputarase na distancia sprint: 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe.

Na carreira feminina, tamén teremos representación. Melina Alonso e María Ortega buscarán sumar puntos ITU, a pesar da dificultade da tarefa ao competir coas mellores triatletas do mundo.

 

 

 

Quizáis che interese…