ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE O EUROPEO DE TRÍATLON EN LISBOA CUNHA IMPORTANTE PRESENZA GALEGA  

26 de Maio de 2016

Esta fin de semana celebrarase en Lisboa o Campionato de Europa de Tríatlon coa participación de varios deportistas galegos. Ademais, nesta proba competirá Javier Gómez Noya, na primeira competición importante da tempada, despois do seu debut a semana pasada no Grand Prix de Dunkerque. Ademais dos deportistas, hai que destacar a presenza de tres oficiais galegos en Lisboa: Miguel Alejandro Fernández (delegado técnico da ETU) e Luis Coira Nieto e José Manuel Rey  (oficiais da FETRI).

Elite. A proba elite masculina comezará o sábado 28 de maio ás 11:00 horas sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe). A principal novidade, a presenza de Javi Gómez Noya, case na súa estrea da tempada. Antes, so competiu en Dunkerque á pasada fin de semana, onde foi cuarto.

Ademais, hai que destacar a presenza do galego Antonio Serrat, que está a facer unha grandísima tempada. Parece que o gran favorito, polos resultados acadados, é o noruego Blummenfelt,que xa superou a Javi (a pasada fin de semana) e a Serrat (na Copa de Europa de Madrid). O francés David Hauss defende o título acadado o pasado ano en Ginebra.

Júnior e paratríatlon. Na competición júnior, que tamén se celebrará o sábado, teremos a Inés Santiago e Carmen Gómez na categoría feminina (09:00 horas) e a Andrés Cendán na masculina (13:55 horas). As distancias serán 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe, a mesma que en paratríatlon (16:00 horas), onde contaremos con Susana Rodríguez Gacio, que volverá a competir con Mabel Gallardo, nesta preparación exprés dos Xogos Paralímpicos de Río cunha nova guía.

O domingo 29 de maio disputaranse as probas de relevos (elite e júnior) e os grupos de idade.

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…