GÓMEZ NOYA COMPARTIU UN ADESTRAMENTO COS DEPORTISTAS DO CGTD

Fegatri 26/09/2013

 Ter ídolos deportivos é sempre moi importante para os rapaces e rapazas que comezan no deporte. No caso do tríatlon galego, o espello no que mirarse ten nome e apelidos (Javier Gómez Noya) e os deportistas de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación Deportiva puideron hoxe compartir un tempo na piscina co actual campión do mundo. Sen dúbida, unha xornada especial para os máis novos, aínda que tamén para Javi, que comezou coma eles no CGTD. “A min tamén me fai moita ilusión. A verdade é que non podo adestrar con eles durante o ano porque estou normalmente fóra, pero vir por aquí e velos con gañas de traballar é unha alegría”.

Sobre os deportistas internos no CGTD, Gómez Noya indicou que “hai chavales con moito talento, seino. Aínda é moi pronto para saber se poden chegar á elite ou non, pero con traballo espero que poidan chegar ao seu máximo, que aprendan polo camiño e estudando, por suposto. É moi bonito ver que o tríatlon está consolidado no Centro Galego de Tecnificación e espero que poidan conseguir moitos éxitos”.

Javi confía en poder participar no Campionato do Mundo de Dúatlon de Pontevedra no 2014 e espera que finalmente se acade un acordo para evitar que coincida na data coa proba das Series Mundiais de Londres. “A miña intención é participar aínda que coincida con outra proba, pero o ideal sería evitalo e sei que se está traballando para solucionalo”, manifestou o galego, quen recoñece que lle fai moita ilusión sempre competir na súa casa.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte indicou que “esta foto que fixemos hoxe, ten moito futuro e moito presente: Temos a Javi Gómez Noya, tricampión do mundo, que reside en Pontevedra e utiliza esta instalación, o cal é un orgullo para Galicia, para o Goberno de Galicia e para o secretario xeral para o Deporte. E encima ver que temos oito ou nove deportistas adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e acadando grandes resultados, amosa a nosa aposta, o noso potencia e o futuro do noso deporte. É para estar orgullosos que teñamos un centro de este nivel e con estes resultados”.

Na foto de familia, estaba o tricampión do mundo, Javier Gómez Noya; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Francisco Villanueva; e os deportistas Antonio Serrat (agora na nova residencia de rendemento) Diana Cotón, Inés Santiago, Carmen Gómez, Sara Guerrero, Mauro Paredes, Marcos Ruíz, Víctor Souto e Raul García (internos no CGTD). No acto tamén estiveron presentes o vicepresidente da Federación, Luis Piña; a directora do centro, Elena Fernández; o preparador de Gómez Noya, Carlos David Prieto e o  adestrador de tríatlon do CGTD, Jonathan Cancelas.