GUSTAVO RODRÍGUEZ, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE LONGA DISTANCIA TRAS UNHA ESPECTACULAR REMONTADA

23 de Outubro de 2016

O galego Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamouse hoxe en Ibiza campión de España de Tríatlon de Longa Distancia, nunha espectacular remontada na bicicleta e na carreira a pe.

Gustavo Rodríguez, que defendía o subcampionato de España do pasado ano, chegaba a esta cita bastante canso despois dunha cargada tempada pero cheo de ilusión polos bos resultados acadados nestes intensos meses. A natación, como ven sendo habitual, foi o seu peor segmento, ao perder más de nove minutos sobre Carlos López, que ía en cabeza, despois de facer os catro quilómetros nadando na praia de Figueretas. Pero Gustavo sabe cales son os seus puntos fortes e a súa carreira comezaba coa bicicleta, 116 quilómetros por diante. Quilómetro a quilómetro foi recuperando tempo e remontando posicións. No quilómetro 55 xa estaba na sétima posición, mentres que cando chegou a T2 era cuarto clasificado a pouco máis de cinco minutos do primeiro clasificado, que era nese intre Miguel Ángel Fidalgo. Pola súa banda, Carlos López tivo que abandonar.

Comezaba a carreira a pe (30 quilómetros) e as opcións no máis alto para loitar polo podio un ano máis. E moi pronto o tudense foi mostrando os seus galóns. No quilómetro 4 xa ocupaba a segunda posición, aínda que Fidalgo, o líder destacado, lograba manter ese colchón de case cinco minutos, que lle permitía correr sen excesiva presión. Pero por detrás, Rodríguez era implacable. Ao seu ritmo, sen ceder nin un ápice, foi recortando ata lograr superalo antes de chegar a metade do percorrido. No quilómetro 14, Gustavo xa era líder con 24 segundos de vantaxe sobre o mallorquino Fidalgo. E xa ata o final, Gustavo Rodríguez non se apeou da primeira posición e chegou a meta moi destacado cun tempo final de 06:21:06. O segundo posto foi para Ángel Salamanca Colmenarejo (06:27:56) e o bronce, para Ariel Hernández Hernández (06:29:28). Pola súa banda, o galego Juan Francisco Fernández Moldes foi 29º na categoría elite cun tempo final de 07:14:36.

Quizáis che interese…