JAVIER GÓMEZ NOYA, TETRACAMPIÓN DO MUNDO EN EDMONTON

31 de Agosto de 2014

Javier Gómez Noya segue sumando triunfos a un curriculum que parece non ter fin. Hoxe en Edmonton (Canadá) logrou a cuarto título de campión do mundo (2008, 2010, 2013 e 2014), nunha proba que controlou en todo momento e incluso puido permitirse o luxo de non disputar o sprint con Mario Mola. Gómez Noya proclamouse campión do mundo, mentres que Mario Mola é o subcampión 2014, por diante dos irmáns Brownlee.

Trala retirada de Estocolmo por problemas estomacais, había unha certa preocupación por saber se o galego estaba completamente recuperado. A vantaxe era saber que o cuarto posto era suficiente para Gómez Noya, que chegaba a esta gran final coma líder destacado do mundial. Nos últimos días, Javi transmitía seguridade e iso foi o que puidemos ver na proba: Seguridade, tranquilidade, veteranía, experiencia, intelixencia, profesionalidade e, por suposto, unha capacidade innegable.

A proba. A natación, a pesar de que se desenvolvía nun lago, estivo moi movida polos golpes entre os deportistas. Era moito o que estaba en xogo e todos querían estar ben situados. Por diante, coma sempre, o especialista Richard Varga, que saíu da auga na primeira posición, mentres que Alistair Brownlee foi terceiro e Javi na 15ª posición a uns 13 segundos do primeiro.

Pero na transición e os primeiros metros da bicicleta, o galego recuperou esta distancia enseguida para meterse no primeiro grupo da bicicleta, formado por máis de vinte triatletas, entre os que se atopaban case todos os favoritos (faltaban Mario Mola e Richard Murray). Gómez Noya estaba perfectamente colocado en todo momento, aguantando os ataques un pouco aloucados de Alistair, mentres que un segundo grupo (no que figuraba Mario Mola e Fernando Alarza) traballaba para alcanzalos.

Así, volta a volta o segundo grupo ía recortando segundos ante a falta de coordinación da cabeza de carreira, e  Alistair decide volver a intentalo, estaba vez con éxito, ante a apatía dos seus rivais. O británico logrou escaparse xunto ao brasileiro Colucci e o noruego Blummenfelt, e en moi poucos quilómetros logran unha diferenza importantísima. Este trío chegou a transición con 1:22 de vantaxe sobre Gómez Noya e tan pronto poñen os pes no chan, Alistair marchou en solitario amosando a súa superioridade sobre os compañeiros de escapada. Por detrás, o ferrolán encabeza o grupo xunto a Jonathan e Mario Mola e enseguida escapan os tres, algo que favorecía ao galego que quería evitar riscos innecesarios con máis deportistas na loita.

Alistair seguía coa súa carreira en solitario, mentres que o trío Gómez-Mola-Jonathan eliminaron aos dous deportistas que ían por medio e seguiron coa súa vixilancia, nunha carreira moi táctica. O grupo principal, a uns 20 segundos deste trío. Eran dez quilómetros nos que podían suceder moitas cousas, pero a forma de correr de Gómez Noya non deixaba opción algunha á sorpresa. Controlou a carreira en todo momento, ata que decidiu atacar a falta de dous quilómetros e medio e, sorprendentemente, Jonathan non puido responder ao acelerón do galego. Desta forma, Mario e Javi sabían que o título e o subtítulo eran seus e so tiveron que confirmalo chegando a meta nesas segunda e terceira posición. Alistair Brownlee gañou a proba cun tempo de 1:48:44, mentres que Mario (1:49:04) foi segundo e entrou en meta sinalando á Gómez Noya (1:49:07), que non disputou o sprint, xa que non o necesitaba para garantir ese título mundial.

Así, Javi Gómez Noya proclamouse campión do mundo 2014 con 4.860 puntos, mentres que segundo foi Mario Mola (4.601) e terceiro, Jonathan Brownlee (4.501). Hai que destacar que Fernando Alarza (que hoxe tivo que retirarse na carreira a pe polas molestias físicas que ten no pe) rematou na duodécima posición da clasificación do mundial.

 

 

 

Quizáis che interese…