JOSELYN BREA E BRAIS CANOSA, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON EN NARÓN

JOSELYN BREA E BRAIS CANOSA, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON EN NARÓN

14/04/2018
JOSELYN BREA E BRAIS CANOSA, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON EN NARÓN

Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Brais Canosa (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe en Narón campións galegos de dúatlon 2018, nunha xornada completa de deporte, con probas para os máis pequenos e unha competición popular.

O Campionato Galego de Dúatlon Feminino comezou ás 17.00 horas e no primeiro sector formouse un grupo compacto de varias deportistas, coas irmás Brea, María Jesús Coya e Carla Castaño. E todas xuntas foron  ata o quilómetro 10 da bicicleta, cando Joselyn cambiou de ritmo e logrou marchar en solitario sen que ninguén puidera aguantar a súa marcha. Así, Joselyn fixo o resto da bicicleta e o terceiro segmento en solitario e incluso puido permitirse baixar un pouco o ritmo no tramo final. Chegou a meta cun tempo final de 1:00:55, mentres que segunda foi a súa irmá Edymar (1:01:11) e terceira, María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 1:01:28. Na clasificación por equipos femininos proclamouse campión galego o Tri-Penta Terras de Lugo.

Posteriormente celebrouse a categoría masculina, nunha proba que se presentaba bastante aberta e interesante. E non decepcionou. Brais Canosa logrou escaparse na carreira a pe, mentres que por detrás se formou un grupo perseguidor con Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial), Brais Misa (Atletismo Porriño), Martín Carrera (Natación Riveira) e Manuel Dosil (Olímpico de Vedra). O conxunto, ben coordinado, logrou reducir as distancias ata alcanzar a Canosa mediada a bicicleta.

Así, na segunda transición baixaron todos xuntos e nos seguintes 2.500 metros tería que decidirse o título galego. E foi emocionante ata o sprint final, porque aínda que Canosa ía por diante, por detrás Alejandro Álvarez e Martín Carrera foron apertando para chegar case nun pano.

Desta forma, Brais Canosa proclamouse campión galego de dúatlon 2018 cun tempo de 53:23, a segunda posición foi para Alejandro Álvarez (53:23) e terceiro, Martín Carrera (53:35). Na clasificación por equipos masculinos, acadou o título galego o Olímpico de Vedra.

 

*Resultados provisionais.