Once galegos (catro elite masculina e catro feminina e tres júnior) participarán este domingo 15 de abril a Copa de Europa de Melilla, terceira da presente tempada. Antonio Serrat, Uxío Abuín, Andrés Cendán e Alberto Castiñeira son os nosos representantes na proba elite masculina, mentres que na feminina estarán Camila Alonso, Inés Santiago, Melina Alonso e Sara Guerrero. Ademais, nas probas júnior participarán Iria Rodríguez, Inés Castaño e Jorge González.
Na categoría elite, a proba disputarase sobre a distancia olímpica, de forma que os triatletas terán que facer 1.500 metros de natación, 37,78 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pe. A proba feminina comezará ás 15:00 horas, mentres que a masculina ten como hora de inicio ás 18:00.
Os galegos tentarán loitar polas primeiras posicións. Antonio está facendo un magnífico inicio de tempada, igual que Andrés Cendán –entrou no top 20 nas Copas de Europa de Gran Canaria e Quarteira-. Uxío tivo problemas físicos o que lle impediu arrancar a tempada ao mellor nivel, pero espera ir collendo o punto de forma. Mentres que Alberto Castiñeira quere sumar puntos para o ranking ITU.
Na proba feminina, tamén contamos con destacadas representantes. Inés Santiago buscará loitar polas primeiras dez posicións, igual que Camila Alonso. Ademais, Melina Alonso e Sara Guerrero esperan render a un bo nivel.
Na categoría júnior feminina (9:00 horas) temos dúas galegas inscritas. Participarán na proba Iria Rodríguez e Inés Castaño, que tentarán facer un bo papel nunha proba internacional, onde están debutando esta tempada. Na masculina, está inscrito o deportista de Riveira, Jorge González. A Copa de Europa júnior será sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20,2 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe)
2017. O pasado ano a Copa de Europa de Melilla foi moi especial para o tríatlon galego, xa que Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou o triunfo no circuíto das Copas de Europa 2017, tras conseguir o bronce na Copa de Europa de Melilla (última proba do circuíto) e o abandono do, ata ese momento líder, Joao Pereira.