NÁUTICO DE NARÓN E ARCADE INFORHOUSE, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON POR EQUIPOS CONTRA O RELOXO

14 de Maio de 2017

Náutico de Narón (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino) proclamáronse hoxe  en Vilagarcía  campións galegos de tríatlon por equipos contra o reloxo.

Na categoría feminina, comezou mandando o Arcade Inforhouse na natación, ao saír da auga con case trinta segundos de vantaxe sobre o Motobike Pontevedra e o Náutico de Narón. Pero no ciclismo o conxunto de Narón foi moi superior e logrou un espectacular parcial, que lle permitiu chegar a T-2 con máis de tres minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Arcade Inforhouse. No último segmento non se cambiaron as posicións, e as rapazas do Narón aínda aumentaron a distancia para chegar a meta cun tempo final de 1:18:26. A segunda posición foi para o Arcade Inforhouse (1:23:07) e o bronce para o Club Ciclista Riazor (1:26:23).

Na proba masculina, o Natación Liceo fixo un primeiro sector excepcional, ao meterlle máis dun minuto ao segundo clasificado, que foi o Arcade. Pero os de Santiago sabían que aínda quedaba moito por diante e na bicicleta non só recuperaron o tempo perdido senón que lograron poñerse en cabeza e con bastante comodidade. Na carreira a pe, o Arcade confirmou a súa superioridade para proclamarse campión galego cun tempo de 1:01:26. O subcampionato foi para o Artrogal-Tri 498 (1:06:15) e o bronce, para Atletismo Porriño (1:07:05).

Nesta modalidade contra o reloxo, os equipos van saíndo de xeito escalonado cada minuto, e están compostos por entre 4 e 6 compoñentes, que teñen que disputar a proba agrupados. Ao final conta  en meta o tempo do cuarto integrante do club, despois de completar un percorrido de 750 metros de natación,  20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros.

Escolar. Na proba escolar, o vencedor da categoría masculina foi o Cidade de Lugo Fluvial A e na feminina tamén gañou o Cidade de Lugo Fluvial. No torneo escolar as distancias foron de 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2 quilómetros de carreira a pe.

 

Quizáis che interese…