SUSANA RODRÍGUEZ, PRATA NO EUROPEO DE PARATRÍATLON EN KITZBÜHEL

Fegatri 16/06/2017
SUSANA RODRÍGUEZ, PRATA NO EUROPEO DE PARATRÍATLON EN KITZBÜHEL

Primeira xornada do Europeo de Tríatlon de  Kitzbühel e primeira medalla para Galicia. A paratriatleta Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) acadou a medalla de prata na categoría PTVI (para deportistas con discapacidade visual). Ademais, hoxe tamén competiu a júnior Iria Rodríguez (Atletismo Porriño), que rematou na 22ª posición.

A xornada comezou coa proba de paratríatlon, que se desenvolveu con moita choiva, o que dificultou o descorrer dos deportistas, fundamentalmente na bicicleta. Susana Rodríguez, xunto a Mabel Gallardo, fixo unha boa natación, e comezou a bicicleta na loita pola segunda posición. Por diante, a británica Alison Patrick, que ademais aumentou a distancia durante a bicicleta. Neste segmento, Susana e Mabel non se atoparon demasiado ben, feito que aproveitou Melissa Reid para ocupar unha cómoda segunda posición, mentres que Susana era terceira. E na última volta do ciclismo, Alison sufriu unha picada que lle fixo perder moito tempo e posicións, ao ter que chegar a T-2 coa roda sen aire.  Este feito foi aproveitado por Melissa para poñerse líder e lograr o título de campioa de Europa cun tempo de 01:12:44, mentres que segunda foi a viguesa Susana Rodríguez (01:14:29). Finalmente o bronce foi para a alemá Lena Dieter (01:16:36).

Júnior. A primeira hora da tarde celebrouse a proba júnior feminina, coa participación da galega Iria Rodríguez, que chegaba ao Europeo arrastrando molestias nun pe.

A galega estivo ben colocada na natación, ao saír entre as vinte primeiras e con opcións de meterse no primeiro grupo da bicicleta. Pero a transición e os primeiros metros do ciclismo foron decisivos e prexudiciais para Iria, que perder as súas opcións. Nese intre rompeuse a carreira en varios pequenos grupos que despois se xuntaron no grupo principal formado por 18 triatletas, e Iria quedou no segundo grupo. Así chegou a T-2 a case dous minutos de distancia das primeiras e aínda que fixo un bo parcial na carreira a pe (pese as molestias), xa non tiña opción algunha de alcanzar ás triatletas que ían por diante. Finalmente, Iria foi 22ª cun tempo de 01:02:07, mentres que a segunda española, Lucía Salafranca quedou por detrás, 31ª, cun tempo de 01:03:12.

 Elite, día 17. A proba elite masculina celebrarase mañá (16:00 horas) sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 39,2 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe). Entre os inscritos, Fernando Alarza (deportista do Centro de Alto Rendemento do CGTD con licenza galega), actual líder da clasificación provisional do Mundial de Tríatlon. Xunto a el, os galegos Uxío Abuín e Antonio Serrat.

O domingo 18 de maio disputaranse as probas de relevos (elite e júnior) e os grupos de idade masculinos.