UXÍO ABUÍN, FERNANDO ALARZA E ANTONIO SERRAT, TOP-10 NO EUROPEO DE TRÍATLON

17 de Xuño de 2017

Uxío Abuín (5º), Fernando Alarza (6º) e Antonio Serrat (8º) lograron entrar no Top-10 do Europeo de Tríatlon de Kitzbühel, nunha grandísima carreira dos nosos representantes. Non houbo medallas, pero os galegos, xunto a Vicente Hernández, foron sempre protagonistas na proba.

A natación foi decisiva. Uxío Abuín saíu moi ben colocado da auga, con Antonio cerca. Pero Fernando Alarza, que tiña problemas de estómago dende o venres, fixo un moi mal segmento. Na primeira volta da natación ía nas últimas posicións e pouco a pouco foi remontando, pero aínda así chegou a primeira transición bastante descolgado e sendo o último dos españois.

De entrada na bicicleta formouse un primeiro grupo de oito (cos máis rápidos na natación) e un segundo, con Serrat e Abuín. No inicio da segunda volta uníronse nun único grupo dunhas 20 unidades, no que figuraban os galegos Uxío Abuín e Antonio Serrat, ademais de moitos dos favoritos (Polyanskiy, Joao Pereira, Raphael Montoya), que tiraban forte para intentar que Alarza, gran favorito e especialmente forte na carreira a pe, non puidese recortar distancias. Por detrás, Fernando Alarza, buscaba o contrario.

Así, chegaron á segunda transición con Uxío e Antonio no grupo principal, e Alarza a máis de 40 segundos. Dende o inicio da carreira a pe, Serrat ía perfectamente colocado no primeiro grupo de cinco triatletas (os portugueses Joao Silva e Joao Pereira, o francés Raphael Montoya, Vicente Hernández e Serrat) e parecía moi forte, xa que ía en cabeza marcando o ritmo durante as dúas primeiras voltas.

Nese momento, Uxío quedou un pouco descolgado, pero a poucos segundos e tendo sempre a referencia dos primeiros, mentres que por detrás Fernando Alarza seguía coa súa remontada. Primeiro alcanzou a Uxío e ao ruso Petsov, e continuou firme en busca da cabeza de carreira, pero con dous compañeiros que sabían que o ritmo de Alarza era bo. Por diante, Serrat no aguantou un tirón na terceira volta e quedou fóra da loita polas medallas, e ademais na última volta viu como Alarza, Uxío e Petsov superábanno.

Por diante, loita pechada polas medallas entre Joao Pereira e Raphael Montoya, que se decidiu a favor do portugués, que logrou o título de campión de Europa cun tempo de 1:45:31. A segunda posición foi para Montoya e o bronce para Joao Silva. Vicente Hernández, descolgado nos metros finais, quedou coa medalla de chocolate e por detrás Uxío Abuín logrou unha magnífica quinta posición (1:45:47), cunha moi boa punta de velocidade nos metros finais para superar a Alarza, que foi sexto (1:45:51). O vigués, Antonio Serrat chegou na oitava posición (1:46:12), tras unha meritoria proba.

O domingo 18 de maio disputaranse as probas de relevos (elite e júnior) e os grupos de idade masculinos.

 

 

Quizáis che interese…

Acuatlón Castrelo do Miño

Acuatlón Castrelo do Miño

O pasado fin de semana celebrouse a Copa Deputación Ourense de Acuatlón - Acuatlón Castrelo de...