A carballeira do Souto, en Vedra, será na tarde do sábado 14 de marzo o epicentro do primeiro Campionato Galego de Duatlón na modalidade de contrareloxo por equipos. Compre destacar que a cita contará coa altísima participación de 55 equipos, o que garante a presenza de máis de 300 duatletas na proba.
Hoxe celebrouse o acto de presentación da proba coa presenza do alcalde de Vedra, Carlos Martínez, o vicepresidente da Federación Galega de Tríatlon, Luís Piña e o representante do Olímpico de Vedra, Ismael García.
Nesta modalidade de contrareloxo, os equipos van saíndo de xeito escalonado cada minuto, e estarán compostos por entre 4 e 6 compoñentes, que terán que disputar a proba agrupados en todo momento. O final contara en meta o tempo do cuarto integrante do club, despois de completar un recorrido de 5 quilómetros a pe, 20 en bicicleta e 2,5 qm. a pe novamente. En canto aos equipos favoritos, a proba móstrase moi aberta e é moi difícil determinar un candidato ao tratarse da primeira proba nesta modalidade que se disputa en Galicia.
A organización da proba, integrada polo club Olímpico de Vedra, o Concello de Vedra e a Federación Galega de Tríatlon, amósase enormemente satisfeita pola gran acollida desta modalidade por equipos, que ademais é un formato moi vistoso para o espectador.
A proba contará cun importante operativo de seguridade coordinado polos organizadores coa Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e un considerable número de voluntarios: En total preto de 60 persoas velarán porque o evento saía segundo o previsto.
Escolar de Vedra. Previamente a disputa do campionato galego, disputarase na mañá do sábado, como previa o 9º Duatlón Escolar de Vedra, xa todo un clásico dentro do deporte escolar autonómico e que será clasificatoria para o campionato provincial.