Este sábado 14 marzo celebraranse as probas locais de Vedra e Mondoñedo do programa “Xogade” de Duatlón Escolar 2015 coa participación de case 300 deportistas. Ambas probas son clasificatorias para o provincial.
A proba de Vedra celebrarase a partir das 11:00 horas con máis de 200 deportistas inscritos. Desta forma, en benxamín (50 participantes) as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín (74 inscritos) as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil (45), 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete (36 participantes) son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.
Mondoñedo. O mesmo sábado 14 (16.00 horas) celebrarse a proba local de Mondoñedo con 83 inscritos. A proba terá como punto de saída, transición e meta a Praza da Catedral e contará con 22 alevíns, 32 benxamíns, 14 cadetes e 15 infantís.
O programa está formado por sete probas locais (dúas por provincia menos en Ourense) que son clasificatorias para as provinciais, de onde sairán os participantes na final galega. Nas probas zonais clasifican os 25 mellores por categoría e sexo e nas provinciais lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.