ANTONIO SERRAT ABRE A TEMPADA NA COPA DO MUNDO DE CIDADE DO CABO

9 de Febreiro de 2017

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) disputará esta fin de semana a primeira Copa do Mundo da presente tempada, que se celebrará en Cidade do Cabo (Sudáfrica). O galego inicia a tempada cunha proba moi dura, xa que haberá unha gran participación. Os locais Henri Schoeman (bronce en Río) e Richard Murray (campión do mundo de dúatlon 2016, cuarto nos Xogos de Río) parten como favoritos, pero non serán os únicos triatletas destacados na proba, xa que entre outros tamén podemos destacar a Jorik Van Egdom (campión do mundo sub 23) ou o británico Grant Sheldon.

Antonio Serrat está a un bo nivel neste inicio de tempada. Esta a disputar probas de cross (esta pasada fin de semana foi segundo no Campionato Galego de Cross Corto por clubs) e fixo a súa mellor marca en natación. Así, o seu obxectivo é acabar entre os dez primeiros e sumar puntos no ranking mundial.

Esta proba, primeira dun total das 16 que conforman o circuíto da Copa do Mundo desta tempada, disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 2,5 de carreira a pe).

 

 

 

Quizáis che interese…