MELINA ALONSO E ANDRÉS CENDÁN, GAÑADORES DO DÚATLON CIDADE DE LUGO

26 de Febreiro de 2017

Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse hoxe vencedores do XXVII Dúatlon Cidade de Lugo “Memorial Alejandro López”, que é a segunda proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada.

Na categoría feminina houbo unha fermosa loita entre Melina Alonso –gran favorita-  e Iria Rodríguez –vencedora do pasado ano-. Ambas estiveron xuntas en cabeza durante toda a proba. Nos dous primeiros segmentos non houbo diferenzas e todo tivo que decidirse no terceiro sector de carreira a pe, no que Melina foi mellor. Así, o triunfo foi para Melina Alonso cun tempo de 01:05:39, mentres que segunda foi a júnior Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) a pouco máis de vinte segundos (01:06:00). O terceiro posto foi para Inés Castaño (Arcade Inforhouse) a uns cinco minutos (01:10:50).

Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) dominou a proba dende o primeiro segmento, no que foi o máis rápido e xa non abandonou esta situación privilexiada. No ciclismo acadou o cuarto mellor tempo e no terceiro sector volveu estar entre os máis rápidos. Así entrou en meta na primeira posición cun tempo de 57:34, mentres que segundo foi o júnior Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol) a algo máis dun minuto de distancia (58:49), que se impuxo nos metros finais a Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial), quen foi terceiro.

A proba, segunda do circuíto, celebrouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe). Na entrega de premios estiveron os fillos e o irmán de Alejandro López, ex directivo da Federación Galega de Tríatlon, que é homenaxeado neste dúatlon.

Os gañadores doutras categorías foron:

  • Cadete: Andrea Trigo (Náutico de Narón) e Víctor Bouzón (Olímpico de Vedra)
  • Júnior: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol)
  • Sub 23: Ana María Santiso (Náutico de Narón) e Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial)
  • Veterán 1: Susana Carreira (Cidade de Lugo Fluvial) e José Juan Cepeda (Olímpico de Vedra)
  • Veterán 2: Laura López (Tri Ourense) e Ricardo García (Tríatlon Bierzo)
  • Clubs: Náutico de Narón (feminino) e Cidade de Lugo Fluvial (masculino)

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017 está formado por cinco   probas: Guitiriz, Cidade de Lugo, Riveira, Santiago e Arteixo. Está en  xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon, que se celebrará en Vigo o 9 de abril. Cristina Torres (Mar de Vigo) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo) proclamáronse vencedores do XI Dúatlon Concello de Guitiriz.

clasificacion defnitiva dulugo 2017 (1)

 

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.