Este sábado 4 de marzo (a partir das 11:00 horas) celebrarase en Mondoñedo a segunda proba local do programa “Xogade” de Dúatlon Escolar 2017, que será clasificatoria para o provincial e que conta coa inscrición de case 60 deportistas das categorías alevín, benxamín, infantil e cadete. A saída, transición e meta estarán situados na Praza da Catedral.
O programa consta de cinco probas locais ou zonais (Fene, Mondoñedo, Lugo, Santiago e Maceda) nas que se clasifican os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon. No mes de febreiro tivo lugar a primeira proba, que se desenvolveu en Fene.
As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil,1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.